Faro de Camariñas (Arquivo RAG)
A composición contén, ademais, algúns trazos de estilo recorrentes na escrita de Pondal: a presenza da paisaxe bergantiñá, descrita con economía e forza expresiva, o apelo a referentes históricos afastados e a visión da natureza marcada polo hilozoísmo.
A Costa da Morte
De Traba ao Villano
esténdese informe,
cal negra serpente,
cal caimán enorme,
a costa de ferro,
a costa de bronce:
manchada d'areas,
qu'a trozos a cobren,
somella unha besta,
unha besta enorme,
plaga de tiña,
de lepra deforme.
O fero Britano
cruzando do norte,
de medo tembrando,
escrama de longe:
"¡A costa do pranto,
a costa da morte!".
As libres gaivotas,
que da altura volven
e nas altas cimas
d'altos fachos dormen,
voando, voando
nas alas do norte
cand'esta sublime,
fatal reconocen,
en longa ringleira
seu camiño torcen,
que tanta esquivez
as repela e tolle;
e voando, voando
s'apartan ao longe,
e parez que digan
co seu canto forte:
"¡Fujamos, fujamos,
a costa da morte!".
Eduardo Pondal. Poesía Galega Completa III. Poemas Manuscritos, con edición a cargo de Manuel Ferreiro (Sotelo Blanco, 2002).