Imaxes da Coruña de primeiros do século XX
O libro, ilustrado con abondosas fotografías e acuarelas feitas por Frank H. Mason, conta cun limiar de Martin Hume, académico correspondente da RAG e presidente do London Committee of the Galician Association, no que fai unha extensa loanza dos atractivos naturais da nosa terra e un breve percorrido pola nosa historia, ademais de establecer un paralelismo entre Galicia e Irlanda na paisaxe, a etnografía e mesmo no fenómeno da emigración.
A corner of Spain, como bo exemplo que é de libro de viaxes, vai moito máis alá da mera relación de lugares de interese turístico para o público xeral da época -a catedral de Santiago de Compostela, os grandes hoteis da Toxa e de Mondariz e as principais urbes- posto que tamén nos achega numerosas escenas da vida das clases máis humildes, sobre todo dos mariñeiros, así como do seu xeito de vestir e de se relacionaren, e mesmo algunha nota sobre a arquitectura popular. Abundan, tamén, no libro referencias ao vencello histórico entre o noso país e Inglaterra en episodios como os das batallas de Rande e Elviña, a viaxe de Borrow a Galicia, a Armada Invencible ou a tumba de Sir John Moore na Coruña.
O libro empeza cunha pequena panorámica do noso país en que se revisan aquelas diferenzas culturais consideradas de maior utilidade para un viaxeiro das Illas naquel tempo: os horarios das comidas e a súa calidade, as bebidas aconselladas ou mesmo o prezo do tabaco. A viaxe arrinca no Vigo industrioso, pesqueiro e porta da emigración galega de comezos do XX, desde onde Walter Wood fai pequenas excursións a Cangas e Redondela. O terceiro capítulo do libro está dedicado por completo a Compostela –"Spain´s Jerusalem"- da que se describe con detalle a catedral e a súa historia, os ritos dos peregrinos e a vida animada dos estudantes universitarios. No cuarto capítulo, despois de remover calquera dúbida sobre a seguridade dos camiños galegos cara a 1910 -en contraste coas perigosas experiencias relatadas por Borrow en The Bible in Spain de 1843- e de apuntar que o español é unha lingua que practicamente non se oe falar no noso país, Wood fai parada en Ferrol -"the spanish Portsmouth"- para describir os traballos no porto e nos estaleiros, moitos deles naquel tempo de propiedade inglesa.
De volta no sur de Galicia, o autor láiase da deficiencia da nosa rede ferroviaria ("progress marches slowly in Galicia") e da súa lentitude. Wood dedícalle aos hoteis de Mondariz e da Toxa cadanseu capítulo á parte. Do primeiro deles, o autor gaba as propiedades medicinais das súas augas e a beleza arquitectónica da construción. Pola súa parte, o Gran Hotel da Toxa merece tamén o eloxio de Walter Wood, tanto pola calidade das súas augas como pola beleza da paisaxe que o arrodea.
O oitavo capítulo do libro, "Galician burden bearers" ("As carrexadoras galegas"), é o de maior valor antropolóxico. Nel, Walter Wood describe admirado os enormes vultos que as mulleres galegas eran capaces de levar sobre a cabeza mentres camiñaban descalzas: "Nothing more astonishing can be seen in Galicia than the size and weight of the loads which the women carry on their heads" ("Nada máis abraiante que o tamaño e peso das cargas que estas mulleres levan sobre as súas cabezas"). A dureza do traballo realizado polas mulleres galegas só era comparable, en opinión do autor, ao das indias norteamericanos: "women do most things -nearly,it seems- all things, in this corner of Spain" ("as mulleres fan a maioría das cousas, senón todas, neste curruncho de España").
No derradeiro capítulo, Walter Wood, despois de dedicarlle unhas breves liñas á fábrica de tabaco e ás galerías, que el chama miradors, características da arquitectura popular coruñesa, fai unha narración pormenorizada da batalla de Elviña que tivera lugar nesta cidade o 16 de xaneiro de 1809, e visita, por último, a tumba de Sir John Moore, que aínda hoxe é un dos monumentos máis visitados polos turistas ingleses que chegan á Coruña.
A proposta como académico correspondente de Martin Hume a cargo de Manuel Murguía, Francisco Tettamancy e Salvador Golpe, pódese descargar aquí.