A contribución da RAG á primeira exposición do libro galego antigo na Arxentina

Con motivo do Día Internacional das Bibliotecas, a Real Academia Galega lembra a viaxe alén mar dalgúns dos seus fondos bibliográficos para participar na chamada I Exposición del Libro Gallego Antiguo celebrada na Biblioteca Nacional da Arxentina en xullo de 1970. A mostra enmarcouse na celebración das "Jornadas Patrióticas Gallegas", organizadas polo Centro Gallego de Buenos Aires, entidade fundada en 1907 para dar asistencia administrativa, cultural e médica á abundante inmigración galega na cidade porteña. 

1/3

O Centro Gallego de Buenos Aires editou un folleto a xeito de catálogo, que forma parte dos fondos da RAG, no que se recollen as pezas presentadas na mostra. A publicación recolle 40 obras dos séculos XVI, XVII e XVIII e 5 publicacións periódicas dos séculos XVIII e XIX achegadas polas entidades participantes: a Real Academia Galega, a Universidade de Santiago, a Biblioteca do Pazo Arcebispal de Compostela e a Biblioteca do Cabido Catedralicio Compostelán.

A Real Academia Galega, patrocinadora da exposición, é a institución que máis obras prestou, un total de 26, seguida da Universidade de Santiago con 16.  Entre os títulos presentados pola RAG atópase a Descripción del Reyno de Galizia y de las cosas notables del, do Licenciado Molina, primeira gran descrición do antigo Reino de Galicia, impreso en Mondoñedo por Agustín de Paz en 1551, que constitúe un dos poucos exemplares que se conservan na actualidade.  

Tamén estiveron presentes na mostra dúas obras que a RAG custodia entre o seus fondos, procedentes da biblioteca particular do historiador Manuel Murguía, primeiro presidente da institución. Trátase de Constituciones establecidas por... Francisco Blanco... (Santiago, 1578) e Analysis historica-chronologica de la primitiva erección, progressos, y diversas reedificaciones de la Santa Iglesia de Santiago, de Antonio Rioboo y Seyxas (Santiago, [1747]).

Entre as publicacións periódicas da RAG que se exhibiron na exposición destaca a presenza do primeiro xornal impreso en Galicia, El Catón Compostelano (Santiago, 1800), do que se expuxeron o “Discurso preliminar” e o “Discurso 12”, e algúns outros xornais de principios do século XIX como a  Gazeta marcial y política de Santiago (Santiago, 1812-1813), un dos pioneiros no uso do noso idioma na prensa galega.

Todos os fondos expostos pola RAG pertencen á súa colección de fondo antigo, formada por preto de 2.000 volumes dos séculos XVI a XVIII, entre os que destacan os procedentes do convento de Santa Catarina de Montefaro, obtidos a raíz da desamortización dos bens eclesiásticos que tivo lugar no século XIX e que o Ministerio de Facenda lle doou á Real Academia Galega en 1918, dez anos despois de que os solicitara o seu primeiro presidente, Manuel Murguía.

Esta mostra serviu para afondar na historia da imprenta en Galicia e ofrecer aos investigadores e público en xeral unha panorámica das obras máis salientables publicadas neses séculos, nos que predomina a temática relixiosa, histórica e xurídica. 

A biblioteca da RAG deixou a súa pegada na Biblioteca Nacional da Arxentina, non só mediante o préstamo de obras pertencentes ao seu fondo, senón tamén, como testemuña unha das fotografías conservadas no Arquivo da institución, pola presenza do seu arquiveiro-bibliotecario, Juan Naya Pérez, quen tivo a oportunidade de departir sobre os títulos alí expostos cos representantes da directiva do Centro Gallego de Buenos Aires.