O poeta Xosé María Álvarez Blázquez
O poema que reproducimos a continuación está tirado do libro Canle segredo, editado por Edicións Castrelos de Vigo en 1976, aínda que, segundo aclara o autor no seu limiar, fora escrito entre 1951 e 1953 e acadara, nesta segunda data, o premio Eduardo Pondal do Centro Gallego de Buenos Aires.
"A cometa"
Botar unha cometa
era guindar os soños
todos pola fiestra
Era poñer a ialma
por enriba das ponlas
máis ergueitas da fraga.
Era andar cos miñatos
nun alto voo suspenso
sobor da paz dos campos.
Era ter -¡cousa meiga!-
o corazón atado
cun longo fío á terra.