"A colección Val de Lemos condensa o modo de andar a terra que Manuel María quería"

En Manuel María hai algo de Arte Povera. A súa obra, salienta Margarita Ledo, olla para nós dicíndonos o que Pistoletto repite: non se trata da arte pola arte senón da arte en canto á estética que procura a ética. A académica destaca deste xeito un dos trazos característicos da súa produción literaria, pero o legado do poeta chairego vai moito máis aló das páxinas que el mesmo deixou escritas. Ledo lembra a experiencia da colección de poesía Val de Lemos, creada polo autor a finais dos anos 60 e que condensa "o modo de andar a terra que Manuel María quería".
A académica Margarita Ledo Andión.
Autor: X. Castro

En Val de Lemos publicaron, entre 1968 e 1975, algunhas das súas primeiras obras escritores como Lois Diéguez, Darío Xohán Cabana ou a propia Margarita Ledo xunto a autores xa consagrados das letras galegas como Celso Emilio Ferreiro. A académica subliña a importancia deste proxecto do autor que será homenaxeado co Día das Letras Galegas de 2016 ao responder o "Cuestionario Manuel María", no que tamén recorda o seu primeiro encontro co escritor e a súa dona, Saleta Goy, no verán de 1970.

Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
Recén insisto no vencello entre Manuel María e o movemento denominado Arte Povera, cuxo meirande representante talvez sexa Michelangelo Pistoletto. Este xiro dende a poesía existencial dos anos primeiros cara aos materiais de tocar coa man, cara ao próximo, cara ao paspallás que co seu canto anuncia o pan, coido que é un indicio nidio do seu paso acompasado con todo o que lle é contemporáneo. Por iso podemos atopalo nos sesenta canda Voces Ceibes ou agora musicado por Uxía Senlle. Por iso milita na causa da liberación nacional e social de Galiza. Nunha conversa, Impliquémonos, entre Pistoletto e Edgar Morin, entre un artista e un cientista social, a propósito do proxecto Cittadellarte que Pistoletto define como unha xeografía da transformación e que ten por obxecto conectar, pór en relación iniciativas diferentes, o Morin sociológo e grande observador comenta que sempre, na historia humana, todo comeza por unha iniciativa, unha innovación, unha mensaxe de carácter aparentemente marxinal, fóra do rego, modesta e que fica, as máis das veces, inapreciábel para as e os seus contemporáneos. E teño para min que a obra de Manuel María -o mesmo que cando se nos relata nun filme que vimos de reeditar, Manuel María: eu son fala e erra desta miña terra- olla para nós dicíndonos precisamente iso que, neste caso, Pistoletto repite unha e outra vez: non se trata da arte pola arte senón da arte en canto estética que procura a ética.

Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
No ronsel de diferentes estudosos e estudosas que organizan a obra de Manuel María en poesía da Tebra, etnopaisaxística, social e política, poesía amorosa.., ao tempo que nola sitúan en universos complexos nos que a harmonía linda sempre co abatemento, o que se enuncia co que se denuncia, o que para min representa, en singular, Manuel María é a "proba documental" de que, no caso de nós, a poesía foi e é unha das cariátides que terman da nación desexada que atravesa, con distintos rexistros, a obra do poeta.

Que pegada coida que deixou na cultura galega?
Neste caso vou falar do que me é máis próximo, da coleción de poesía Val de Lemos que condensa, dalgún xeito, o modo de andar a terra que Manuel María quería: o nome da colección, Val de Lemos, termaba dun lugar concreto que el amou; a forma era povera, de urxencia, libros realizados cos medios á man e na imprenta de Villarabide, en Sarria, onde eu anos despois gravei unha das escenas máis intensas para o filme sobre Líster. A produción facíaa o propio Manuel e nese acto unía as persoas que nos achegabamos á nación cos devanceiros, con Celso Emilio, con Xosé Neira Vilas. Porque Manuel respondía as cartas cada día, ía ao correo decote e remesaba puntualmente os cadernos de poesía a toda a tropa galeguista. Despois o milagre acontecía e alguén que coma min facía Xornalismo en Barcelona topaba na caixa do correo unha misiva desde Caracas agradecendo Parolar cun eu, cun intre, cun insecto e comentando con moito tino, para non me ferir, supoño, aqueles primeiros poemas. Val de Lemos foi un lugar de encontro e de crenza no futuro; foi a revancha da palabra contra a súa desaparición; foi a lingua galega como sinal das contrabandistas. No meu caso foi algo máis, foi a botella ao mar na procura do que en algures existía, foi o modo de entrar en relación cunha xeración que fixo de min unha persoa prendada da política, dos países pequenos e imperfectos e das historias con final aberto. Díxeno así nunha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro e repítoo sempre como homenaxe ás pequenas accións.


Margarita Ledo con Manuel María, no ano 1972, no primeiro acto do poeta nun centro galego da emigración en Europa, un recital celebrado en Xenebra


Que vixencia conserva a súa creación?
Abondaría con ollarmos para a presenza desa liña de sombra que debuxaba por veces unha tristura fonda no Manuel, para o vencello idioma-pobo e a urxencia de remediar un síntoma, o do desleixo, que non é outra cousa senón que a desaparición do Nós como suxeito colectivo, como nación, como ese espazo onde se dan amores e mal de amores, intereses confrontados, relacións de Poder que Manuel quere do revés, para luír na súa vixencia. Abondaría con fixármonos no combate ao que consideraba a forma máis cruel da inxustiza: que che retiren a túa caixa de ferramentas, que te expulsen da casa, que te boten desa communitas construída ao longo do tempo e que se expresa no galego. En verso e en prosa, en poemas, crónicas, teatro, artigos en prensa, nunca se reconciliou coas razón oficiais ou oficiosas da emigración. Abondaría con volvérmonos para os materiais que tocamos coa man, para saber dunha escrita a prol das clases subalternas, das e dos excluídos das decisións. Tal se a lingua, o exército dos pobres, fose o único facho que podemos manter mentres nos expropian as terras, o sochán, as augas, as almas, é dicir, a xinea, as conciencias.

Como descubriu vostede a Manuel María? Que recordo garda daquela descuberta e que supuxo para vostede?
Eu fun coñecer a Manuel María e a Saleta Goi no 1970, ao rematar o primeiro curso dos estudos de Xornalismo. Fun a Monforte de Lemos, onde vivían. Agasalloume dous libros de poemas: un da súa autoría, Versos pra un país de minifundios, que sae do prelo en 1969, en Bos Aires e co cuño -precisamente- de Edicións Nós; e outro de Francis Jammes, un dos seus poetas de cabeceira. A dor do que nos falta, por unha banda, e a voz íntima, que cheira, toca, fica estantío diante "ese paxaro prodixioso / que canta en todos os poemas", pola outra. O Manuel público e o Manuel íntimo tíñao neses libros tan diferentes que me daba en prenda. Abraioume o sentido medido do tempo, a organización campesiña das horas do día, o degoiro pola conversa, a risada aberta e a ironía que, andando a obra, localicei na súa poesía civil.

Cal é a súa obra ou o seu poema favorito de Manuel María? Por que?
Déixeme escoller tres. É o que fago no meu filme Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra. "Chao", un poema de despedida que é tamén a declaración de pertenza á tribo (Outeiro) e á natureza; "Acuso á clase media", ese poema-manifesto que representa todo un período de escrita de compromiso político explícito; e como cerna da poesía amorosa aquel primeiro poema a Saleta, do ano 1956, "estou só co outono, miña amiga...", que agroma ao longo da súa andaina en variacións saudosas, outonais, eternas. Para min quedo coas obras do Manuel en movemento, sinécdoque dun país en movemento, ... "ate ser po, seixo e silveira".