Mercedes Queixas, responsable da edición, intervén na presentación do libro acompañada na mesa por Xosé Luís Vilela, Xesús Alonso Montero e Santiago Rey Fernández-Latorre. Foto: Marcos Míguez / La Voz de Galicia
O acto arrincou coa Muiñeira de Florencio, o cego dos Vilares, no violín de Cibrán Seixo e os versos de"Terra Chá" na voz da poeta Eva Veiga, quen tamén recitou versos que Manuel María dedicou á súa compañeira Saleta Goy, convidada de honra no acto. O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente da fundación que leva o seu nome; o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, e Mercedes Queixas compartiron a mesa de presentación da obra, que o xornal distribuirá o vindeiro 17 de maio.
Alonso Montero cualificou o libro como unha "ferramenta" feita con rigor "que vai contribuír ao mellor coñecemento e á difusión da obra literaria de Manuel María, un legado que inclúe poemas tan populares como "O carro", co que arrincou a súa intervención Xosé Luís Vilela. "Estes versos son de todos, e para un poeta seguro que non hai gloria maior que facer que os seus versos sexan de todos. Iso é o que fai un poeta universal", salientou.
Pola súa banda, a responsable da edición destacou que o conxunto da monumental obra de Manuel María, así como a implicación social e política nos seus diferentes ciclos vitais, convérteno "no referente intelectual galego da segunda metade do século XX". "O país habita a súa obra, é imposíbel comprender unha sen o outro. Home e poeta ao redor do mesmo centro de gravidade: a terra. O ser", expresou.
Tras un percorrido biográfico pola vida de Manuel María, a escolma poética que inclúe o libro arrinca co poema "Prego dos dezanove anos". A composición forma parte do seu primeiro libro, Muiñeiro de brétemas, co que se converteu, no ano 1950, no primeiro poeta novo en publicar en galego na posguerra, e conclúe con "A casa erguida con xisto e cantería", dos Sonetos á Casa de Hortas, a obra que lle dedicou nos anos noventa á casa na que naceu e onde se criou, hoxe convertida en Casa-Museo Manuel María. O máis de medio cento de poesías seleccionadas dan conta das distintas etapas e liñas poéticas do universo creativo do autor, desde o existencialismo dos primeiros tempos, a apertura á paisaxe de Terra Chá, a poesía de denuncia e combate dos versos de "Acuso á clase media" e a defensa do idioma de "A Fala" ata a expresión máis íntima e humanista da súa madureza.