A colección de retratos de Rosalía de Castro da RAG

O número de documentos conservados na Real Academia Galega dispoñibles en versión dixital a través de Galiciana segue a medrar. A institución ofrece no Arquivo Dixital de Galicia (https://arquivo.galiciana.gal) os retratos que conserva de Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 1837- Padrón, 15 de xullo de 1885), escritora fundacional das nosas letras contemporáneas.
Rosalía de Castro (Arquivo da RAG)

A maioría dos documentos incorporados son fotografías da autora en distintos momentos da súa vida, entre elas a realizada polo estudio coruñés de Sellier convertida nunha das imaxes máis coñecidas de Rosalía de Castro, na que aparece cun chapeu de plumas. O mesmo retrato, feito nos primeiros anos de década de 1880, pode verse nunha copia en forma de óvalo e noutra reprodución sobre o debuxo dunha tea.

Rosalía sendo aínda unha moza, no ano 1855, fotografada por Mr. Encausse et Cie -con estudio na rúa do Vilar de Santiago de Compostela-, un retrato realizado entre 1865 e 1875 ou a fotografía na que a escritora posa coa familia no exterior Casa da Matanza en xullo de 1884 son tamén parte das imaxes que incrementan desde hoxe os documentos da RAG dixitalizados dispoñibles a través de Galiciana.

A fotografía do retrato pintado por Ricardo Camino e unha tarxeta publicitaria de Ceregumil con debuxo e biografía de Rosalía datada entre 1910 e 1920 completan a relación de documentos.