Billete de dez pesos cubanos de 1891
A relación do goberno metropolitano coas concesionarias estreitouse a partir de 1861. O goberno español iniciou unha renovada expansión imperialista en Santo Domingo e México mediante a contratación de grandes créditos procedentes do Tesouro da illa de Cuba.
A finais de 1861 a cantidade prestada ascendía a 1,3 millóns de pesos ao 7% de xuro, unha suma moi grande que tiña como fin sufragar o proxecto de anexión da illa veciña e que deu lugar á posterior guerra de Santo Domingo. Case de maneira inmediata o Tesouro de Cuba quedou sen reservas, véndose na obriga de endebedarse el mesmo para satisfacer as necesidades da nova expansión colonial española en América.
A fórmula empregada para conseguir financiamento foi a de emitir, por conta da Facenda cubana, os chamados bonos de Santo Domingo. O banco sería o encargado de dar servizo a esa nova débeda, asumindo funcións propias dun banco nacional.
Ao desvarío da nova aventura imperial española sumóuselle a resistencia interna na propia illa de Cuba protagonizada polos arredistas cubanos, que entendían inxusto o esforzo fiscal ao que eran sometidos pola metrópole nun proxecto colonial pouco atractivo aos seus propios intereses. A crise interna desembocou no estalido dun conflito bélico que se prolongou ao longo dunha década (1868-1878) e que deixou unha xa de por si decimada reserva financeira na total e absoluta bancarrota.
Coma no caso de Santo Domingo, a metrópole fixo que recaese sobre o Tesouro cubano a responsabilidade financeira dos gastos militares provocados pola Guerra dos 10 anos.
A emisión de bonos cesou en 1874. Ninguén estaba xa disposto a mercalos, pois o mercado non confiaba na capacidade de devolución do préstamo e dos xuros por parte do Banco Español de La Habana. E estaba no certo, posto que pouco tempo despois o goberno español eximiu a entidade bancaria de cumprir as súas obrigas estatutarias, fundamentalmente a de cambiar os bonos polos seus billetes. Deste xeito tramposo o banco seguiu obtendo beneficios, repartindo en plena guerra os maiores dividendos da súa historia entre os seus accionistas.
A partir de 1875 o colapso do sistema financeiro cubano xa non se podía disimular. A enorme cantidade de billetes que circulaba pola Illa non se correspondía co tamaño da economía real de Cuba. O papel moeda perdeu credibilidade, os prezos disparáronse e o papel moeda foráneo -libras e dólares- obtivo unha maior presenza no mercado interior cubano, así como o ouro e a prata en bruto.
Pese a iso , logo da vitoria militar, o goberno español prorroga en 1878 o privilexio de emisión, pero establecendo, iso si, mecanismos de control desta e impoñendo un gobernador designado por el. O primeiro en tomar posesión do cargo foi José Cánovas del Castillo, irmán do presidente do goberno español.
Iniciábase deste xeito una nova etapa na historia do banco, marcada pola burocratización. Deixáronse de ter en conta os vellos estatutos onde se esixía que o director fose un comerciante asentado en Cuba, para agora nesta nova fase ter como gobernador un tecnócrata designado por Madrid, normalmente sen ter maior mérito que o seu vínculo, mesmo familiar, coas elites que dominaban o goberno de España naquel momento.
Desde 1882 o banco actuou como recadador do Estado, servizo polo que percibía unha comisión dun 5%, que axudaba a paliar a falta de reservas. Ao mesmo tempo seguía sendo a ferramenta empregada polo goberno para cadrar as súas deficitarias contas. Pero o desempeño do papel de banco ao servizo do goberno impediu que os recursos fosen empregados en actividades produtivas, pechando un circulo vicioso de difícil saída.
A facenda pública cubana entre 1878 e 1898 caracterizouse pola diminución dos ingresos, produto dunha crise profunda no sector azucreiro, un permanente déficit e un conseguinte incremento do gasto por débeda. De feito no exercicio 85-86 chegouse a empregar o 41% do orzamento na devolución desa débeda. E esta situación de progresivo empobrecemento e de malestar social desembocou na Guerra de Independencia de 1895-98 e na perda de España dunha das súas derradeiras colonias.
Ao longo da década dos 80 do século XIX unha das teimas dos novos dirixentes do banco foi a de emitir novos billetes, unha mudanza de faciana para gañar en credibilidade; pero a enorme cantidade de vellos billetes da época da Guerra dos 10 anos que había en circulación impediu novas emisións masivas. En total nos derradeiros 20 anos do banco emitíronse apenas 6 millóns de pesos, cando a intención inicial era cuadriplicar esa cantidade; e iso confírelle a estas emisións, como a que temos entre mans, unha gran rareza.
Concretamente houbo dúas emisións, unha en 1891, que é á que pertence a colección da Real Academia Galega; e outra en 1896, coa guerra xa empezada, que destaca polo valor fraccionario en céntimos da inmensa maioría dos billetes impresos, proba da situación de miseria en que se atopaba Cuba nese momento.