Na sesión no consistorio coruñés, o académico de número e director da Sección de Historia da Real Academia Galega, Ramón Villares, será o encargado de lembrar a figura de Manuel Murguía, o seu pensamento e o seu legado. “Murguía é figura central da cultura galega contemporánea canda Rosalía, que é a escritora fundadora da literatura galega moderna”, sitúa o historiador.
Conmemorar o centenario da súa morte, que é tamén case o centenario do seu nacemento (Murguía naceu en 1833 no veciño concello de Arteixo), significa rescatar e poñer en valor tres aspectos esenciais, explica Ramón Villares. “O primeiro deles é a contribución a crear a historia de Galicia, como un relato global interpretativo do ser de Galicia; o traballo político, como dirixente do rexionalismo de orientación liberal, colocando Galicia no contexto político peninsular, con Cataluña e o País Vasco como piares do que significaba a revista La España Regional; e, por último, a institucionalización da cultura galega mediante a fundación da Real Academia Galega, coa axuda das colectividades da emigración, nomeadamente da Asociación Protectora de La Habana, dirixida por Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez”, debulla o catedrático emérito de Historia Contemporánea. “En suma, a Galicia actual sería moi distinta sen o traballo de figuras excepcionais como Murguía”, conclúe.
Xornadas Manuel Murguía
A Real Academia Galega continuará o xoves 2 de febreiro co calendario de celebracións coa inauguración das Xornadas Manuel Murguía. Centenario 1923-2023, un programa que irá máis alá do seu papel como fundador da Academia. “Tamén lle debemos os alicerces históricos do galeguismo, así como símbolos da identidade galega”, engade a directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, que coordina canda e o propio Ramón Villares os encontros que se desenvolverán co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Fundación Rosalía, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Rosalía, o Concello da Coruña e a Fundación Luis Seoane. Esta última acollerá a xornada inaugural, dedicada a Murguía e as institucións; e as seguintes terán lugar os xoves 9 e 16 de febreiro en Santiago e en Padrón, na USC e na Casa da Matanza, e profundarán na idea de Galicia de Murguía e na relación entre a literatura e nación, respectivamente. Todas as sesións, de entrada libre ata completar a capacidade dos auditorios, poderán seguirse ademais en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.
Tras a inauguración institucional, a xornada do 2 de febreiro xuntará nunha mesa redonda o académico de número Xosé Luís Axeitos, a académica correspondente Ana Romero Masiá, o deseñador Pepe Barro e o investigador Emilio Xosé Insua. Xosé Luís Axeitos, coeditor –xunto ao gran biógrafo de Murguía, o historiador e presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro (1936 - 2021)– do epistolario do intelectual custodiado na Academia, afondará na súa relación coa cidade da Coruña e a propia RAG; Ana Romero Masiá centrarase nas orixes da RAG e a Sociedad de Folklore Gallego; Emilio Xosé Ínsua centrarase nos conflitos, logros e limitacións dos primeiros anos da RAG e Pepe Barro falará da bandeira galega de Manuel Murguía e Rosalía de Castro.
A sesión do 9 de febreiro na Universidade de Santiago contará coas achegas dos historiadores Xusto Beramendi e Ramón Villares e do politólogo Ramón Máiz, e rematará cunha actuación musical do trío de corda da Orquestra da USC formado por Gonzalo Muíño e Esther X. Pérez-Pallaré nos violíns e Antón Mazaira na viola. As xornadas concluirán na Fundación Rosalía de Castro o 16 de febreiro. O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, moderará a mesa sobre literatura e nación que contará coa biógrafa de Rosalía María Xesús Lama e os tamén investigadores Xurxo Martínez e Ana Acuña. A música do barítono Eliseu Mera e do pianista Cándido Cabaleiro poralle o ramo aos encontros.