Pepe Barro, á esquerda, guiando o público na reapertura da Casa Museo Rosalía de Castro. Fonte: @CasadeRosalía
A chisteira e unha cinta funeraria de Manuel Murguía son, xunto cunha carteiriña de Ovidio, fillo de Rosalía e Murguía, as tres pezas que a Real Academia Galega cedeu en depósito á Fundación Rosalía para que as amose nesta nova etapa da casa museo de Padrón, onde a autora viviu os derradeiros anos da súa vida. Nesta Casa de Rosalía "radicalmente nova", en palabras do presidente da fundación que leva o seu nome, Anxo Angueira, poden verse tamén varios retratos fotográficos da escritora, realizados por Encausse, María Cardarelly e L. Sellier, pertencentes ao Arquivo da RAG. Todas estes obxectos e documentos son parte da nova exposición permanente, deseñada por Pepe Barro e adaptada "aos novos tempos e ás novas lecturas da escritora", e que se deu a coñecer nun "día histórico", engadiu.
O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, salientou na súa intervención o que representa a Casa Rosalía para todas e todos os galegos e destacou que a RAG manterá nesta nova etapa o seu compromiso co que significa a fundación que preserva o seu legado, de cuxo padroado forma parte.
No acto inaugural tamén tomou a palabra a profesora Catherine Davies, profesora da University of London e experta na obra de Rosalía. O día anterior, a investigadora impartiu na propia Casa da Matanza unha conferencia para o alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", que organiza a RAG.
A celebración da reapertura da Casa Museo Rosalía concluíu cun concerto de Amancio Prada, quen leva décadas musicando numerosos poemas de Rosalía.
Catherine Davis impartiu o 14 de xullo na Casa da Matanza unha conferencia sobre Rosalía para o alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas da RAG