Xosé Filgueira Valverde.
A campá ferida
Tristeira perda, a da campá do reló da Catedral de Santiago, fendida, choca, morta. Cicáis non escoitemos máis aquelas badaladas que "cortaban as cordas do corazón", a rimar as horas da vida compostelá, caíndo, vagarosas, encol da Quintana de Mortos.
Agora haberá que fundir de novo o bronce antergo da nai e raíña de tódalas campás galegas. A xeira vai poñer a proba toda a sabencia no mester que teñen os artesáns de Arcos da Condesa e terán que traballar os canteiros para que poida entrar pola arcada da Berenguela.
O sino das horas foi o meirande que tivo a nosa Basílica. Houbo sempre nos grandes santuarios, e máis nos ergueitos sobre sepulcros venerados, o proído das outas torres e das campás sonoras. Cando se trazaba o Obradoiro, Vega Verdugo escribía: "todos los templos que he visto, he reparado que adonde tienen puestas sus mejores vanidades es en subir y hermosear sus cimborios y torres". (Cando Galileo Galilei, de quen tanto se fala estes días, estrenóu o seu telescopio, dende o outo de San Marcos, quixo decir que podía alcanzar deica o Finisterre, non falóu de que vira as Torres de Santiago, que inda eran ben baixas, senón aos peleriños que entraban). Polo que di ás campás, hastra os mesmos axuntamentos medían o seu prestixio polas que tiñan: "cual ricomen, tal vasalo, cual concello tal campana" reza un "verbo antigo" glosado nos "cancioneiros". O Rei Luís XI de Francia, que gardaba tanta lei ao Apóstolo, cando envióu, no 1481, a Mr. Mortillon, seu Maitre d'hotel (que era entón posto de moito porqué na Corte) con dous Rexidores de La Rochelle, a facer no seu nome a pelerinaxe, doulles o encargo de que se fundiran dúas campás de grandor tal que non houbese na cristiandade ningunha que poidese asemellarse a elas. Envióu metal de sobra e diñeiro dabondo. Houbo que reforzar a Torre Berenguela, que se chamóu de entón do Rei de Francia. A campá maior, de trinta palmos de van, soaba tan forte que malparían as mulleres no xiro da cidade. Catro séculos despóis, o Concello de Compostela reparóu en que os abortamentos non viñan do son dos sinos, senón do costume insólito de "tocar a parto" como quen toca a agonía, a morto, a fogo ou a rebato.
A campá que agora está ferida de morte é descendente en liña dereita das do Rei de Francia, pois foi fundida co seu mesmo metal. Fíxoa Pedro de Güesmes, no 1725, ten máis de oito metros de circo, pesa unhas trece toneladas. Nas Españas somentes lle gaña o campanón de Toledo, que embaixo del celebrouse unha xuntanza de "Amigos das Campás"; síguelle a "María" de Pamplona. Axeitouse á nova maquinaria do reló de Antelo no tempo de Arcebispo Vélez.
Cando, fai poucos anos, mudáronse as vigas de carballo que termaban da campá por outras de ferro, cavilábase moito en si perdera aquel son a que estabamos afeitos, tan alaudado polos poetas. Casanova Párraga, mestre en campanoloxías, escribía daquela que Cunqueiro e Castroviejo afiuzáranlle "que la campana sigue dando extraordinario paladar al vino y enternece la carne de las lampreas en las llares de la Faxeira y la Mámoa" . ¿Qué vai ser agora do albariño, do caíño, do espadeiro e dos xantares da mellor cociña santiaguesa, e, sobre todo, qé vai ser de nós, sin a compaña amiga da campá da Berenguela, a voz sagra da nosa Catedral?
2-X-1976
Adral (Sada, 1979)