Os membros da xunta directiva da Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega nunha das súas xuntanzas co gallo da organización da Exposición Cultural Gallega. Imaxe aparecida no catálogo sobre a mostra conservado na biblioteca da Academia. Fonte: RAG
A Exposición Cultural Gallega puido verse no ano 1949 no impoñente edificio do centro galego da capital cubana, que proporcionaba, naquela altura, asistencia sanitaria, social e cultural a milleiros de emigrantes e exiliados procedentes de Galicia. A responsable da súa organización foi a Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega, nada en 1905 a iniciativa do galeguista ferrolán José Fontenla Leal e de Manuel Curros Enríquez co obxectivo de sufragar os gastos da fundación e o mantemento dunha Academia que, entre outras cousas, lle dese unidade ao idioma cun dicionario e unha gramática.
Xunto á Real Academia Galega, participaron na exposición a Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto Padre Sarmiento, as Comisións Provinciais de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo e Ourense, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo de Pontevedra.
Unha das obras presentes na exposición foi o Boletín da Real Academia Galega, publicación que dá conta das actividades da institución, ademais de incluír artigos científicos de diversos ámbitos como a lingua, a literatura, a historia, a arte ou a etnografía. Iniciárase en 1906, ano da fundación da RAG, e agardábase naquela altura a publicación do tomo 24, xunto co terceiro dos tomos da Colección de documentos históricos. Na actualidade o Boletín continúa publicándose anualmente e pode consultarse en formato dixital na web da RAG.
Entre as múltiples obras de varias épocas representadas na exposición, tampouco faltou o primeiro dicionario da Real Academia Galega, o Diccionario gallego-castellano, publicado por entregas entre 1913 e 1928 e interrompido na voz "cativo". Non se publicou máis. Habería que agardar ao ano 1990 para ter o primeiro dicionario completo, o Diccionario da Lingua Galega, editado en colaboración co Instituto da Lingua Galega. No ano 1997 publicábase o Diccionario da Real Academia Galega, que se iría actualizando ata dar lugar ao que hoxe se pode consultar en versión dixital na páxina web da RAG, con case 60.000 artigos lexicográficos.
Publicidade
O libro que dá conta daquel acontecemento da cultura galega á outra beira do Atlántico, consultable na biblioteca da RAG, inclúe fotografías das instalacións e dalgúns membros das entidades participantes e recolle, así mesmo, os índices das súas publicacións oficiais como o do citado Boletín da RAG. Tamén proporciona mapas das catro provincias galegas e un valioso índice alfabético xeral que aglutina todos os autores incluídos nos índices anteriormente citados.
Na publicidade local presente no libro destaca, como curiosidade, a do propio Centro Galego da Habana, con foto do seu "Palacio Social", onde aparece indicado: "Fundado en 1879 – 49.000 asociados". Tamén se inclúe un anuncio da Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega co seguinte chamamento: "Inscribíos en ella para cooperar a la propagación de la cultura gallega"; e propaganda das seguintes obras: El libro de Santiago, de Xosé Filgueira Valverde; Compostela, de Gonzalo Torrente Ballester e a Geografía General del Reino de Galicia.