A Biblioteca Fontenla

Con motivo do Día Internacional das Bibliotecas que se celebra o 24 de outubro, queremos facer memoria dunha das doazóns máis valiosas feitas á Academia ao longo da súa historia: a biblioteca de Fontenla Leal.
Fontenla Leal
Xosé Fontenla Leal


Entre a morea de contribucións ao rexurdir de Galicia debidas a este litógrafo nado en Ferrol en 1864 e emigrado a Cuba dez anos despois, atopamos a fundación na Habana da Revista de Galicia de carácter mensual, da Unión Redencionista coa que pretendía organizar e apoiar a loita do campesiñado galego contra os foros, ou a súa influencia decisiva na escolla do galego como lingua literaria por parte de Ramón Cabanillas.

Secasí, sen dúbida as dúas grandes achegas de Xosé Fontenla á nosa cultura foron a creación do Himno e da Academia, iniciativas as dúas que, a pesar de non seren mérito exclusivo seu, non se terían resolto coa mesma eficacia e prontitude sen os desvelos e capacidade organizativa do ferrolán.

O seu labor patriótico proseguiría mesmo despois da súa morte, producida o cinco de Nadal de 1919. O 16 de xullo de 1920, José Fontenla Rizu, fillo de Fontenla Leal, facíalle doazón á Academia da biblioteca de seu pai, composta por 557 libros e 103 folletos e revistas que recollen, practicamente, todo o material publicado referido a Galicia ata aquel momento, e que se pode consultar por vez primeira nesta ligazón.

No Boletín da Academia pódense ler, aquí e aquí, dous artigos da man de Xosé María Dobarro sobre este ilustre obreiro ferrolán e militante galeguista.