A exposición, organizada pola Consellería de Cultura, foi presentada esta mañá nun acto no que participou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, xunto ao conselleiro Román Rodríguez, e outros representantes institucionais. A inauguración contou tamén coa presenza de Xulio Gil, que interveu en representación da familia de Xela Arias. Boa parte das imaxes que ilustran o percorrido biográfico que traza a mostra son retratos do fotógrafo, parella da autora durante unha década e con quen asinou o libro de poemas e fotografía Tigres coma cabalos (1990).
Xulio Gil salientou o acerto de levar a mostra sobre Xela Arias ás bibliotecas pola relación especial que mantiña cos libros a poeta, editora e tradutora, que chegou a crear una importante biblioteca persoal malia a súa morte prematura. “O mundo do libro era para ela un espazo vital, no laboral e tamén no tempo persoal”, expresou.
O presidente da RAG destacou “a forza interior, o talante e o talento” da autora, coa que traballou na súa etapa como director xeral de Edicións Xerais de Galicia. Víctor F. Freixanes puxo o acento na “autoesixencia” de Xela Arias, tanto no seu labor de editora como na escrita persoal, e gabou as súas achegas a coleccións como Grandes do noso tempo, na que se verteron ao galego clásicos contemporáneos universais, e Xabarín, centrada no público xuvenil. “Era unha muller luminosa na mirada, na intelixencia e na creatividade”, engadiu o presidente da RAG.
O conselleiro Román Rodríguez considerou que a escolla de Xela Arias (1962-2003) por parte da Real Academia Galega como protagonista do Día das Letras Galegas supón “un paso cara á modernidade plena” desta celebración. A mostra chegará, segundo avanzou, a once concellos a través de espazos vencellados á cultura “e con capacidade de chegar a moita xente”.