A Biblioteca Ánxel Casal, primeira parada da exposición 'Xela Arias. Asinamos ser libres'

A Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela acolle ata o vindeiro 31 de maio a exposición Xela Arias. Asinamos ser libres. A mostra sobre a protagonista do Día das Letras Galegas, comisariada pola profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Xesús Nogueira, poderá verse ao longo do ano en distintos espazos culturais. 

Pola esquerda, Román Rodríguez, Xulio Gil, Víctor F. Freixanes, Anxo Lorenzo, Valentín González e Rubén Prol. Fonte: RAG

A exposición, organizada pola Consellería de Cultura, foi presentada esta mañá nun acto no que participou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, xunto ao conselleiro Román Rodríguez, e outros representantes institucionais. A inauguración contou tamén coa presenza de Xulio Gil, que interveu en representación da familia de Xela Arias. Boa parte das imaxes que ilustran o percorrido biográfico que traza a mostra son retratos do fotógrafo, parella da autora durante unha década e con quen asinou o libro de poemas e fotografía Tigres coma cabalos (1990).

Xulio Gil salientou o acerto de levar a mostra sobre Xela Arias ás bibliotecas pola relación especial que mantiña cos libros a poeta, editora e tradutora, que chegou a crear una importante biblioteca persoal malia a súa morte prematura. “O mundo do libro era para ela un espazo vital, no laboral e tamén no tempo persoal”, expresou.

O presidente da RAG destacou “a forza interior, o talante e o talento” da autora, coa que traballou na súa etapa como director xeral de Edicións Xerais de Galicia. Víctor F. Freixanes puxo o acento na “autoesixencia” de Xela Arias, tanto no seu labor de editora como na escrita persoal, e gabou as súas achegas a coleccións como Grandes do noso tempo, na que se verteron ao galego clásicos contemporáneos universais, e Xabarín, centrada no público xuvenil. “Era unha muller luminosa na mirada, na intelixencia e na creatividade”, engadiu o presidente da RAG.

O conselleiro Román Rodríguez considerou que a escolla de Xela Arias (1962-2003) por parte da Real Academia Galega como protagonista do Día das Letras Galegas supón “un paso cara á modernidade plena” desta celebración. A mostra chegará, segundo avanzou, a once concellos a través de espazos vencellados á cultura “e con capacidade de chegar a moita xente”.