A Academia réndelle homenaxe a Ramón Piñeiro en Láncara

Láncara renderalle homenaxe a un dos seu veciños máis sobranceiros o vindeiro día 7 de novembro. A Real Academia Galega celebrará unha mesa redonda dedicada a Ramón Piñeiro polo centenario do seu nacemento, un acto organizado en colaboración coa Asociación Cultural Val de Láncara, que previamente lle entregará o XIV Premio Ramón Piñeiro "Facer País" a outro ilustre lancarao, o académico de honra Basilio Losada.
Ramón Piñeiro lendo na galería da súa casa
Ramón Piñeiro lendo na galería da súa casa. Foto facilitada por Editorial Galaxia


A Real Academia Galega lembrará a quen foi unha das persoas determinantes na reconstrución cultural de Galicia nunha mesa redonda, moderada polo secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e na que participarán os académicos Rosario Álvarez Blanco, Víctor Fernández Freixanes, Basilio Losada e o presidente da institución, Xesús Alonso Montero.

A mesa redonda terá lugar en Carracedo, na antiga casa consistorial de Láncara, o sábado 7 de novembro a partir das 17 horas, despois do xantar de honra que se celebrará tras a entrega do Premio Ramón Piñeiro "Facer País" a Basilio Losada. O académico recollerá o galardón nun acto, presentado pola xornalista Marta Veiga Izaguirre, que comezará ás 13.45 horas. A loanza a Basilio Losada correrá a cargo de José Félix Arias e a escritora Marica Campo entregaralle o premio.