A Academia recibe a visita dunha delegación estoniana para a defensa do võro

A Real Academia Galega recibiu hoxe unha delegación do Võro Congress. Os representantes da comunidade de falantes do võro, fala do sur de Estonia pertencente á subfamilia finougria, realizan estes días unha viaxe por Galicia á procura de ideas para a promoción da súa lingua. No encontro ambas as partes intercambiaron información sobre a situación do galego e do võro, e os visitantes puideron coñecer o traballo da Academia para o estudo e a divulgación da lingua galega, que cualificaron como inspirador.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e a tesoureira, María López Sández, entrevistáronse cos membros do Consello de  Maiores do Võro Congress Sulev Iva, profesor de linguas do sur de Estonia na Universidade de Tartu, a poeta Ülle Kasuki, a xornalista Inga Raitar e Hipp Saar, autora dun podcast en võro; e mais o asesor desta entidade e director do URALIC Centre for Indigenous People, Oliver Loode, que acudiron ao encontro acompañados pola secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística Celia Armas.

O võro non goza de recoñecemento oficial, o que complica a súa situación como lingua minorizada e minoritaria que suma apenas unhas cen mil persoas que o saben. De cara a promover o seu uso, o seu prestixio e mais a protección legal, o Võro Congress está a manter en Galicia xuntanzas con distintas entidades que traballan a prol do galego, tanto dende o ámbito académico como dende o activismo, co propósito de coñecer prácticas reproducibles no seu contexto e fixar novos obxectivos.