A aproximación bio-bibliográfica sae do prelo co gallo da conmemoración do centenario do pasamento de Andrés Martínez Salazar (1846-1923), que asumiu a segunda presidencia da Academia durante uns meses en 1923, tras o pasamento de Manuel Murguía e ata o seu propio falecemento o 6 de outubro dese mesmo ano. Nado en 1846, o seu casamento con Petra Suevos e o seu destino como funcionario do corpo de arquiveiros no Arquivo do Reino de Galicia levárono a aveciñarse na cidade da Coruña.
Neste centro coincidiu co que veu ser o seu grande amigo, Manuel Murguía, a quen tivo por xefe e quen debeu de influír na súa adscrición política ao rexionalismo. Malia isto, mantivo sempre unha grande independencia de criterio, afastado das teorías celtistas, nas súas investigacións históricas e literarias sobre o pasado de Galicia, sempre baseadas na fidelidade ao documento e no rigor histórico, salienta o autor.
Como libreiro e como editor da Biblioteca Gallega e de Galicia. Revista Regional, Martínez Salazar colaborou na renovación do panorama cultural do momento. A súa obra atópase dispersa en multitude de periódicos e revistas de carácter tanto divulgativo coma científico, e acada os máis de douscentos artigos. Foi ademais autor ou editor de libros de ampla repercusión, como a Crónica Troyana e os dedicados a Mayor Fernández da Cámara Pita ou aos guerrilleiros galegos do século XIX. Membro de número ou de honra de múltiples asociacións de carácter científico e cultural, o cargo de cronista da Coruña foi o que máis o compraceu.