Henrique Monteagudo detívose tamén na situación do idioma na provincia de Pontevedra. Segundo explicou, a comarca de Deza-Tabeirós é unha das que mellores datos ofrece de uso e transmisión xeracional, en contraste co que acontece en Vigo. Nesta cidade, "a desgaleguización xa era anterior ao estudo, polo que os rapaces e rapazas xa non teñen referentes familiares en canto ao uso do galego, e as súas referencias van proceder maioritariamente do ámbito educativo".
A xornada, presentada polo deputado de Cultura Xosé Leal, contou ademais coas achegas, igualmente centradas na mocidade, da presidenta da Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización Lingüística, Anxos Sobriño, que falou dos proxectos YouTubeir@s e o Club de Debate; do presidente da Asociación ORAL da Galiza, Carlos Alonso, que avanzou un proxecto provincial de recuperación da regueifa nos centros escolares; e de Xiana Lastra, membro da Banda da Loba, quen expuxo a aposta deste grupo musical pola difusión de letras de autoras galegas entre a xente nova.