Un momento da presentación do libro das cartas de Fernández Morales a Mariano Cubí. Na mesa, pola esquerda, o académico correspondente Héctor Silveiro, o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e o alcalde de Corullón, Luis Alberto Arias
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o autor do volume editado pola RAG, o académico correspondente Héctor Silveiro, presentaron Cartas e composiciois autógrafas de Antonio Fernández Morales a Mariano Cubí. Transcrición dun legado inaugural berciano do Rexurdimento no local social do Concello de Corullón. O acto enmarcouse no programa da xornada de entrega do II Premio Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria, co que a Academia colabora xunto ao Grupo As Médulas, Edicións Positivas, o Instituto de Estudios Bercianos, o Consorcio Comarcal do Bierzo, a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León.
Héctor Silveiro salienta a dobre importancia das cartas recollidas nesta publicación. "Teñen un carácter inaugural ou primordial, non só en canto a que se encadran entre os primeiros documentos coñecidos do proceso de recuperación da escrita en idioma galego, senón que presentan ademais a singularidade de estar escritos no galego do Bierzo, forma dialectal que non se prodiga nos textos literarios", expresa no limiar. Este legado documental, custodiado no Museo do Bierzo, permaneceu no esquecemento ata que foi divulgado no ano 2017, cadrando co bicentenario do nacemento do autor, efeméride que a Real Academia Galega celebrou na súa terra natal da man do Instituto de Estudios Bercianos (IEB) e da Comisión Cultural Martín Sarmiento.
A lectura dos documentos permite asistir ao "momento preciso" en que Antonio Fernández Morales se pon a escribir na fala do Bierzo. Desde o comezo, as cartas foron acompañadas de composicións en verso que van ser "o xermolo do deseño dunha obra inaugural e imprescindible, ao noso parecer, para entender o que hoxe coñecemos como Rexurdimento", engade o académico correspondente.
Tras a presentación do libro, a Academia participou na entrega do II Premio Morales para a Promoción do idioma galego no Bierzo e Sanabria. Tras os pasos de Morales: "O fiandón da aldea", dirixido ao alumnado de infantil, primaria, ESO, bacharelato e da EOI de Ponferrada e adultos. O serán rematou cunha sesión de contacontos a cargo de Quico Cadaval.
A xornada arrincou ao mediodía no Concello de Carucedo, cunha charla do programa sobre os nomes da terra Toponimízate, a cargo de Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. A RAG coordina esta campaña que se desenvolve en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Toponimízate 2019 forma parte das actividades desenvolvidas no ámbito de actuación do Programa de Cooperación Interreg V A España – Portugal (POCTEP 2014-2020), que se incardinan no proxecto 0358 GEOARPAD "Patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal".