A Academia participa na clausura do Bicentenario Francisco Añón

A xornada, celebrada na Serra de Outes o 9 de outubro, púxolle colofón ao extenso programa de actividades organizado con motivo do bicentenario do nacemento do poeta Francisco Añón, un dos Precursores da nosa literatura.
Imaxe da mesa presidencial do acto de peche Bicentenario Añón
Á esquerda; o retrato de Añón, obra do pintor Alfonso Costa. Na mesa,, de esquerda a dereita: Xosé Luís Axeitos, Anxo Lorenzo, Carlos López Crespo, Mariel Padín e Xoán Mariño


O acto principal, que tivo lugar na Casa da Cultura de Outes, contou coa asistencia dun numeroso público e coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Mariel Padín Fernández; do alcalde do Concello de Outes, Carlos López Crespo; dos poetas Eva Veiga e Ramón Blanco; do pintor Alfonso Costa e dos membros da executiva da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, Manuel González, Francisco Fernández Rei e Euloxio Rodríguez Ruibal.

Tomou a palabra en primeiro lugar Carlos López Crespo, agradecéndolle á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña a súa colaboración no desenvolvemento do Ano Añón e salientando a entusiasta participación dos veciños de Outes nas diferentes actividades, especialmente a das xeracións máis novas. Ademais, o alcalde descubriu un óleo cun retrato do poeta de Boel, obra do pintor noiés Alfonso Costa.

Xoán Mariño, comisario e coordinador do Ano Añón, amosouse satisfeito pola implicación do público nas conmemoracións desenvolvidas ao longo do ano e destacou o importante labor das corais do Concello, que puxeron en escena poemas de Añón musicados por Domingo Barreiro e Rodrigo Romaní. Asemade, celebrou a edición facsimilar das Poesías Galegas, editadas orixinalmente pola RAG en 1966, e a publicación de Vida e obra de Francisco Añón, do poeta e profesor Ramón Blanco Fernández, baixo o selo de Galaxia.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Mariel Padín Fernández, sinalou, a respecto da obra poética de Añón, que "é un continuo compromiso con esta terra, Outes, e un labor creativo que contribuíu a manter acesa a chama da identidade galega."

O secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos Agrelo, recoñeceu en Francisco Añón, "alguén moi presente no epistolario dos intelectuais galegos do XIX, que o citan constantemente." Lembrou, neste sentido, a homenaxe ao poeta impulsada en 1928, no seu cincuenta cabodano, por Antón Villar Ponte; a súa inclusión "ao modo de Virxilio na Divina Comedia", no Divino Sainete de Curros e o Día das Letras Galegas que lle foi dedicado xa en 1966. O secretario da Academia relacionou a condición de refuxiado político do poeta da Serra, "debido aos seus anceios de liberación do seu país", coa súa descuberta da lingua galega "como vínculo coa patria perdida. Un tema moi recorrente no Romanticismo europeo".

Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, felicitou o Concello de Outes polas actividades desenvolvidas arredor do Bicentenario do poeta e incidiu na necesidade de que a obra de todas as figuras da nosa cultura sexa actualizada para facela máis accesible ás novas xeracións e garantir así a súa permanencia.

A xornada finalizou cunha ofrenda floral diante da estatua de Añón, obra do escultor Emilio Barbazán, acompañada da interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia e da peza A Maruxa, polo gaiteiro Edelmiro Fernández.

Máis imaxes do Bicentenario en Fotogalerías.