A Real Academia Galega presenta unha demanda ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos do Consello de Europa en relación co Decreto 79/2010 para o plurilingüismo na ensinanza non universitaria. O Plenario da Academia acordou adoptar esta medida na súa última xuntanza ante vulneración dos dereitos fundamentais recollidos no Convenio Europeo para a protección dos Dereitos Humanos e nos seus Protocolos que implican tanto algunhas disposicións do devandito Decreto como varias das decisións tomadas ao longo dos procedementos xudiciais seguidos contra esta norma ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional.
A Academia, institución que ten atribuída estatutariamente a función de defensa e promoción da lingua propia, asume con este novo paso a solicitude de nais e pais de menores en idade de escolarización de que siga adiante na defensa dos seus dereitos de igualdade e non discriminación por razón de lingua ante o Tribunal de Estrasburgo. Na demanda ante este tribunal, a RAG actuará así de representante destas familias, que xa pediran o amparo da Academia no ano 2009, cando o R.D. 79/2010 era aínda un proxecto, para que defendese o dereito á educación na lingua propia.
"Hoxe, despois de cinco anos de aplicación [do R. D. 79/2010], comprobamos que a norma vulnera o dereito a ser iguais dos nosos fillos e fillas con independencia da lingua, lingua con estatuto de oficialidade", advirten as nais e os pais na instancia remitida á Real Academia Galega, na que a apoderan para que defenda no seu nome os dereitos dos menores ante o Tribunal de Estrasburgo. "A norma afonda na desigualdade histórica e conduce a enormes dificultades para exercer o dereito a falar galego, e a levar unha vida en galego como persoas adultas. Estas dificultades son imposíbeis de superar para nenos e nenas en idade escolar, aos que se lles transmitiu a idea de que a súa lingua non é útil, se lles dificulta a comunicación cos seus compañeiros, xa que moitos destes non adquiren habilidades suficientes para manexarse comodamente en galego, e sobre todo conduce os nosos fillos e fillas pequenos a deixar a súa lingua para evitar resultar marcados", engaden.
O Decreto 79/2010 reduciu a utilización da lingua galega no ensino tanto cuantitativa como cualitativamente. No plano cuantitativo, o ensino en lingua galega pasou da metade a un terzo no currículo escolar e nalgunhas liñas educativas o seu uso mesmo se limita só á propia materia de lingua galega, sendo na práctica ensinada como un idioma estranxeiro. En termos cualitativos, elimina o galego das materias científicas, colocándoo nunha situación de anormalidade como lingua ao non considerala apta para o uso científico.
Desde a súa aprobación, a Academia decidiu esgotar todas as vías xudiciais contra unha norma que infrinxe a legalidade, lesiona os dereitos das persoas galegofalantes e está en flagrante contradición co compromiso que o Reino de España subscribiu ao asinar a Carta Europa de Linguas Rexionais e Minoritarias. O propio Consello de Europa manifestou o pasado mes de xaneiro a súa preocupación polo efecto negativo da "redución gradual" do galego no ensino en Galicia. No seu último informe sobre a aplicación da Carta, identifica "problemas importantes", entre os que sinala expresamente a diminución do ensino en galego.
A demanda ante o Tribuna Europeo de Dereitos Humanos lembra as advertencias do Consello de Europa e recorda que o devandito informe recolle o impacto "moi negativo" da aplicación do Decreto 79/2010, que no ensino infantil supón que o galego só estea presente no nivel do 6,57% nas poboacións de máis de 50.000 habitantes, e insta encarecidamente as autoridades a ofertar educación en galego en todos os niveis apropiados.