A Academia lamenta o pasamento da académica de honra Giulia Lanciani

A Real Academia Galega lamenta o pasamento da catedrática de literatura portuguesa e brasileira no Departamento de literaturas comparadas da Università Roma Tre, membro de honra da institución. A investigadora faleceu na capital italiana, de onde era nativa. Giulia Lanciani era un referente internacional da filoloxía románica como investigadora da lírica medieval galego-portuguesa. A profesora tamén se interesou polas literaturas contemporáneas de Brasil, Portugal e Galicia, e xogou un papel fundamental na promoción da cultura de noso no contexto italiano.

Giulia Lanciani lendo o seu discurso de ingreso na RAG, no ano 2014. Fonte: Xosé Castro / RAG


Giulia Lanciani ingresou como membro da Real Academia Galega no ano 2014 cun discurso sobre a conservación e a transmisión do corpus lírico galego, no que evocou como viaxaron de Portugal a Roma as cantigas trobadorescas a través dun códice manuscrito que copiou o humanista Angelo Colocci salvándoas para a posteridade. Na súa alocución advertía que canto máis se avanza no estudo dos cancioneiros e da tradición manuscrita máis se pode afirmar que a lingua en que estaban escritas as cantigas chamadas galego-portuguesas non era o portugués, nin o "galego-portugués", senón máis sinxelamente o galego: un galego lingua común da lírica medieval peninsular".

A carreira da académica de honra representa o mellor da tradición filolóxica italiana, imprescindible na investigación, edición e divulgación da lírica medieval galega. Entre outras achegas, como tradutora levou ao italiano Os escuros soños de Clío de Carlos Casares (1989), título que abriu a colección Poeti e prosatori galeghi da editorial Japadre, dirixida polo tamén académico de honra, o profesor Giuseppe Tavani, esposo da finada; e prestoulles atención aos poetas emerxentes de finais dos anos 90 en Miro Villar e la poesía galega di fine secolo (2006). Como divulgadora da nosa cultura, tamén contribuíu con críticas e recensións á difusión das investigacións e publicacións sobre a lírica medieval feitas en Galicia ou de fitos como a tradución ao galego da Divina Comedia de Dante e o Cancioneiro de Petrarca realizadas polo académico Darío Xohán Cabana.

Os textos portugueses da Idade Moderna, especialmente os relacionados co teatro e a literatura de viaxes, centraron outra das liñas de investigación de Giulia Laciani, pero os seus traballos sobre autores en lingua portuguesa van desde poetas medievais, renacentistas ou barrocos como Camões, ata autoras e autores contemporáneos como Sophia de Mellor Breyner, Fernando Pessoa, José Saramago, Teresa Rita Lopez, José Luís Peixoto ou Jorge Amado. Ultimamente estaba traballando cos profesores Henrique Monteagudo e Dolores Vilavedra na redacción dunha historia da literatura galega pensada para difundir o coñecemento das nosas letras entre o público italiano.