A Academia informa sobre o recurso de casación presentado contra o Decreto de Plurilingüísmo

A executiva da Real Academia Galega ofreceu unha rolda de prensa para informar sobre o recurso de casación presentado contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o Decreto de Plurilingüísmo.
Euloxio Ruibal, Axeitos Agrelo, Méndez Ferrín, Manuel González e Fernández Rei
Rodríguez Ruibal, Axeitos Agrelo, Méndez Ferrín, González González e Fernández Rei


A RAG agardou a reacción da Xunta de Galicia en relación coa sentenza que anulou varios puntos fundamentais do decreto. Como queira que a Xunta de Galicia presentou escrito de preparación de casación, con data 14 de decembro de 2012, e ratificouse no mesmo o 21 de decembro de 2012, e como tampouco abriu a posibilidade de modificar o Decreto para que sirva realmente para a normalización do idioma galego, esta Real Academia viuse obrigada a preparar escrito de casación, que rexistrou o 8 de xaneiro de 2013, e posteriormente presentou o recurso o 4 de marzo de 2013 para recorrer en casación pedindo a anulación total do Decreto da discordia. E isto por dous motivos:

1) Porque antes do inicio da elaboración do Decreto, a RAG solicitoulle á Xunta de Galicia poder exercer as súas funcións institucionais de defensa e promoción do idioma galego, emitindo o correspondente informe preceptivo e non vinculante. Actuou así para contribuir á elaboración da mellor norma posible para a normalización do idioma galego, obriga do goberno galego e mandato contido na lei de normalización que o decreto tiña necesariamente que desenvolver.

Ao tempo a RAG ofreceu e solicitou que se actuase co maior grao de acordo posible, recuperando consensos anteriores acadados no Parlamento de Galicia por unamidade.

Infelizmente a Xunta de Galicia impediu que a RAG cumprira a súa función e participara no proceso de elaboración do Decreto, o que nos obrigou -ben ao noso pesar- a reivindicar do xeito legal e democraticamente establecido a defensa do idioma, que é a única razón de ser desta Academia.

A RAG manifesta que o que quixo, quere e pretende é seguir defendendo a súa función de participar na elaboración de toda norma ou plan relativo ao mellor coñecemento e uso da lingua galega para acadar o seu uso normal.

2) En tanto a situación da lingua galega sexa de inferioridade, como ocorre de xeito evidente, entende a RAG que a Xunta de Galicia e todos os poderes públicos teñen a obriga constitucional, estatutaria e legal de promover con políticas activas a súa normalización. Isto é, estender o seu coñecemento e uso en todos os ámbitos da vida pública e social.

A ninguén se lle pode escapar que o sistema educativo é decisivo para asegurar un bo coñecemento do noso idioma e favorecer así a súa recuperación e uso en moitos ámbitos dos que foi excluído, e aos que aínda non retornou.

Neste sentido o decreto recorrido é un paso atrás: é o primeiro dos decretos sobre o sistema educativo en Galicia que se afasta do mandato normalizador.

Entende a RAG que o Goberno Galego, con independencia do partido que o asuma en cada momento, ten necesariamente que exercer a súa función de dirixir e impulsar a recuperación efectiva do que quizais sexa o principal elemento do patrimonio cultural colectivo dos galegos e das galegas: a lingua.

Queremos rematar facendo unha nova chamada ao esforzo colectivo para a recuperación do consenso no que é algo máis que un sinal de identidade do noso país.