A Academia estreita lazos culturais nunha visita ao Brasil

A Real Academia Galega estreita estes días lazos culturais co Brasil nunha viaxe institucional a este país que prevé a participación do seu presidente e outros membros da Academia en distintos foros. Víctor F. Freixanes, o secretario e coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo, e a directora da Sección de Lingua, Rosario Álvarez, participaron onte nun coloquio na Universidade Federal do Rio de Janeiro dedicado á lingua e á cultura galegas. A axenda continuará hoxe coa xornada inaugural do "I Seminário Internacional Galego e Português: O Passado Presente", onde o presidente Freixanes impartirá unha conferencia sobre os desafíos para a lingua galega da globalización.

Coloquio dos académicos na Universidade Federal do Rio de Janeiro


O futuro do idioma e os retos aos que se enfrontan as industrias da cultura nun contexto marcado polas tecnoloxía da información e da comunicación centraron tamén a intervención do presidente da RAG no coloquio celebrado na Universidade Federal do Rio de Janeiro. Henrique Monteagudo falou sobre a historia da lingua e a lírica trobadoresca e Rosario Álvarez, sobre a relación histórica entre Galicia e América a través da emigración. A académica, en calidade de presidenta do Consello da Cultura Galega, inaugurou horas despois en Río a "Galicia imaxinada nas revistas da emigración", exposición organizada pola devandita institución.

O presidente da Academia Brasileira de Letras (ABL), Marco Lucchesi, foi o encargado de presentar o encontro na Universidade Federal de Rio de Janeiro e mañá recibirá os membros da RAG no tradicional "chá dos académicos" que celebra a ABL todos os xoves. O encontro terá lugar cinco meses despois da sinatura na Coruña dun acordo de amizade e colaboración entre ambas as institucións para estreitar a relación entre a área cultural e lingüística galega e a brasileira.

No marco desta viaxe, os académicos foron tamén recibidos na súa casa pola académica de honra da RAG Nélida Piñon. A escritora, primeira presidenta da Academia Brasileira de Letras, foi agasallada con varios libros sobre Antonio Fraguas. A autora galego-brasileira viviu algún tempo da infancia na casa dos seus pais, na aldea de Borela, en Cerdedo-Cotobade, terra natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2019. "Foi una xuntanza entre galegos", titulou as fotos Nélida Piñon.


Víctor F. Freixanes, Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo, acompañados do presidente da Academia Brasileira de Letras, Marco Lucchesi, no coloquio na Universidade Federal do Rio de Janeiro

 


Henrique Monteagudo, Víctor F. Freixanes, Nélida Piñon, Rosario Álvarez e o xornalista e académico da ABL Merval Pereira na casa da escritora galego-brasileira