A Academia congratúlase pola decisión do Concello de Ribeira de asumir o topónimo lexítimo

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega emitiu, a pedimento da alcaldía de Ribeira, un informe sobre o topónimo deste concello e os motivos polos que debe escribirse con <b>, de acordo coa forma histórica documentada dende o século XIV e restituída nos anos 80 do século pasado en cumprimento da Lei de Normalización Lingüística. Tras a recepción deste documento, a corporación municipal acordou por unanimidade asumir a forma lexítima e deixar atrás a deturpada Riveira. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, participaron este martes no acto público de presentación desta decisión, celebrado no salón de plenos coa presenza de todos os grupos municipais. Víctor F. Freixanes agradeceu ao concello a decisión adoptada e Antón Santamarina sintetizou os datos filolóxicos do informe, que reitera que o topónimo procede do latín RIPARIA, do mesmo significado có substantivo ribeira.

Os participantes no acto posan tras a presentación da decisión do Concello de Ribeira sobre o uso do seu topónimo. Fonte: Concello de Ribeira


O informe da RAG recorda que a comezos da Autonomía a toponimia galega presentaba un estado alarmante de deturpación, con castelanizacións gráficas e morfolóxicas e alteracións. O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, emitiu hai unhas semanas o informe solicitado dende o Concello de Ribeira co obxectivo de tomar unha decisión ao respecto da forma empregada polo propio goberno local.

O Seminario de Onomástica explica que Ribeira é un nome de lugar moi frecuente en Galicia, onde máis de oitenta entidades de poboación se chaman así ou conteñen esta palabra na súa denominación. O termo é ademais unha voz de uso común, o substantivo ribeira, definido no Dicionario como ‘franxa de terra que está ao lado dun río, dun lago ou do mar' e ‘zona de terra que está próxima e dá cara ao mar ou cara ao río'. "Este substantivo provén do latín RIPARIA, do mesmo significado, única etimoloxía posible", aclara o informe.

O municipio recibe o nome da localidade que é a súa capital, que á súa vez toma o nome da parroquia, Santa Uxía de Ribeira. "Como é ben sabido, xa que o que se coñece da historia do topónimo está publicado en distintos lugares, na documentación antiga galega a parroquia encóntrase por primeira vez atestada nun testamento de 1378 recollido por López Ferreiro na obra Colección Diplomática Galicia Histórica. Alí figura como Santa Ougea de Ribeira, segundo transcrición do autor. Menos dun século despois, no Liber Tenencie do Horro (ano 1432) tamén se recolle entre as parroquias do arciprestado de Postomarcos a de Sancta Ougea de Rribeyra", detalla o informe.

En textos posteriores de Galicia, xa escritos en castelán, o nome da parroquia aparece máis ou menos castelanizado e ás veces con artigo (da Ribeira) pero sempre escrito con <b> ata o século XVII en que, nas Memorias do cardeal Gerónimo del Hoyo, se documenta por primeira vez con <v>. Adoita considerarse que a partir do século XVII o nome se escribe xa de xeito regular con esta letra e "é innegable que ten que ver coa influencia do castelán, única lingua en que, segundo os datos de que dispoñemos, están os textos en que rexistramos escrito o topónimo ata o século XX", prosegue.

Cómpre lembrar que a partir do século XV (despois de que se atestase por primeira vez o nome Ribeira para designar a parroquia) documentouse en castelán a voz rivera, de significado distinto a ribera, xa que se refire a un regato. Isto, xunto coa confusión de grafías b/v que na Idade Media representaban diferentes realizacións fonéticas e que logo confluíron nun único son, facilitou que se usasen indistintamente, o que explica claramente o incremento das formas gráficas Riveira, salienta o informe.

Con todo, e oficialmente, o nome do municipio figurou co nome de Santa Eugenia de Ribeira no Nomenclátor de 1842; Riveira nos de 1860 e 1877; e Ribeira (sen a advocación) nos de 1857, 1887, 1897, 1900, 1910, 1920, 1930, 1940, 1950, 1960, 1970, 1981, 1991, 2001, 2011 e así ata a actualidade.