O primeiro volume, Ideas, propostas e debates sobre a lingua (1916-1936) I. O galego, lingua nacional, reúne os textos referidos ao status social, cultural e político do galego. O segundo, baixo o subtítulo A demanda da norma, xunta os que atinxen o seu cultivo e elaboración, cunha atención especial ás contribucións que se deteñen nos problemas do desenvolvemento e da fixación do galego escrito e, polo tanto, nos debates ortográficos.
A Real Academia Galega participa ademais no congreso científico que se celebrará os días 10 e 11 de outubro no Consello da Cultura Galega (CCG), baixo a presidencia e coordinación dos académicos Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Henrique Monteagudo.
“O Seminario foi un operador da idea de país na que foi a nosa década marabillosa”, salientou a secretaria da RAG, Margarita Ledo, na presentación no CCG da programación que desenvolverán ao longo de todo o ano diferentes entidades co propósito de visibilizar a pegada do Seminario de Estudos Galegos na cultura do país. Conferencias, rutas e exposicións son parte das propostas deseñadas. “É unha programación concibida como un proxecto de país, conxunto, no que cada un colabora na medida das súas posibilidades”, expresou a presidenta do Consello, a tamén académica Rosario Álvarez. Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo Galego, destacou na mesma liña que o SEG foi “unha organización para o estudo do país, para o país e polo país”; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, confiou en que neste ano de celebración do legado do Seminario de Estudos Galegos aparezan novos fondos e documentos “duns pioneiro que soñaron cunha Galicia mellor e que imaxinaron as estruturas de país”.
A programación, que arrinca esta semana, pode consultarse no espazo web creado para a ocasión.