Intervenientes na presentación de abiblia.gal.
Fonte: Arquidiocese de Santiago de Compostela
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, intervén na presentación da versión en liña da Biblia.
Fonte: Arquidiocese de Santiago de Compostela
A Biblia en liña na visualización para teléfonos móbiles.
Fonte: Arquidiocese de Santiago de Compostela
O sitio web reproduce a versión en galego da obra máis vendida e traducida na historia, que a SEPT levou por primeira vez ao prelo en 1989, grazas ao traballo dun equipo de trece tradutores do que formaron parte os académicos Andrés Torres Queiruga e Xesús Ferro Ruibal, e que foi distinguido en 1990 co Premio Nacional de Tradución outorgado polo Ministerio de Cultura. “Estamos ante un feito que ten obviamente unha relevancia no plano relixioso, pero vai máis alá diso. Ten tamén relevancia cultural e para o idioma galego. Xa no seu día foi un fito a tradución da Biblia, e agora tamén é un fito que se difunda a través da Rede”, valorou o presidente da Academia.
Henrique Monteagudo interveu na presentación de abiblia.gal, celebrada no Instituto Teolóxico Compostelán, canda Silvestre Gómez Xurxo, presidente de SEPT e responsable do proxecto; o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e Lois Subiela, representante do equipo técnico que desenvolveu o sitio web.
As primeiras traducións de textos bíblicos apareceron no século XIV na versión galega da Crónica General. Xa no século XIX, a pedimento de Luís Luciano Bonaparte, verteuse á lingua galega desde o castelán o Evanxeo segundo San Mateo, pero aquilo foi máis ben “un experimento lingüístico ca unha obra de tipo cultural”, repasou o presidente da Academia, que lembrou os atrancos que puxo historicamente a Igrexa católica á introdución do galego na liturxia e gabou a nova sensibilidade da Arquidiocese de Santiago. “A Biblia completa aparece en galego tardiamente, en 1989, máis ben froito do voluntariado lingüístico dunha serie de cristiáns, sen moito acubillo da xerarquía eclesiástica. Por tanto, é un auténtico motivo de satisfacción e de esperanza ter aquí o arcebispo, que adquiriu publicamente o compromiso da Igrexa co galego. Como presidente da Academia, teño que darlle os parabéns e animalo a seguir por este camiño, recollendo ademais as ilusións e os esforzos de moita xente que está traballando na base comprometida ao mesmo tempo coa lingua e coa Igrexa”, engadiu.
O arcebispo monseñor Francisco José Prieto Fernández pechou o acto cualificando a etapa que se abre coa Biblia en galego en liña como unha oportunidade para esta obra siga sendo un “texto vivo” e encontre “eco” nas novas formas de lectura dixital.
(