O académico Antón Santamarina presenta a mesa sobre xénero e clase con Branca Villares, Xulia Feixoo e Domingo Blanco.
Fonte: RAG
Mesa de balance das Letras e das perspectivas de futuro con Richi Casás, Isabel Vigo, Ana Boullón e Xabier Díaz.
Fonte: RAG
O presidente da Academia, Henrique Monteagudo, inaugura o Simposio xunto á académica María López-Sández; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e o alcalde de Muxía, Javier Sar.
Fonte: RAG
A etnomusicóloga Xulia Feixoo pronunciou o relatorio de apertura do encontro.
Fonte: RAG
O musicólogo Sergio de la Ossa pronunciou o relatorio Letras en música: o cancioneiro popular galego.
Fonte: RAG
O académico Antón Santamarina presenta a mesa sobre xénero e clase no cancioneiro popular.
Fonte: RAG
Domingo Blanco falou sobre a o subxénero das regueifas e a súa época de esplendor.
Fonte: RAG
Branca Villares abordou o pouso da violencia contra as mulleres no cancioneiro.
Fonte: RAG
Manuel Rico repasou a través de diversos cancioneiros como se invisibilizou a recolla de Marcial Valladares.
Fonte: RAG
A académica Ana Boullón intervén no coloquio do relatorio de Manuel Rico.
Fonte: RAG
Público seguindo o simposio que se celebrou no Parador de Muxía.
Fonte: RAG
Isabel Vigo, técnica do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego.
Fonte: RAG
Richi Casás, neto e sobriño neto de Rosa e Adolfina, na mesa sobre o futuro da tradición.
Fonte: RAG
Xabier Díaz intervén na mesa sobre o futuro da tradición.
Fonte: RAG
As cantareiras da A. C. Abaladeiras de Muxía puxéronlle o ramo ao encontro.
Fonte: RAG
"Neste peche do Ano das cantareiras, queremos agradecer a grande implicación de persoas e colectivos que conforman o tecido asociativo cultural de base, que foi fundamental para o seu éxito, e expresar a nosa ledicia por que contribuíse á visibilidade e ao apoderamento das cantareiras de cada concello, de cada parroquia, que foron homenaxeadas en todos os recantos do país. Pero se algo nos emociona é constatar a positiva recepción da xente máis nova, que goza da tradición e que lle abre novos vieiros, e que conecta a través dela co uso e o coñecemento da lingua galega”, salienta o presidente da RAG.
Henrique Monteagudo inaugurou o simposio xunto á académica María López-Sández; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o alcalde de Muxía, Javier Sar, que interviñeron en representación das institucións que colaboran na organización dun simposio que tamén conta co apoio económico do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. López-Sández falou en nome do equipo de organización do simposio do que tamén forman parte os académicos Víctor F. Freixanes e Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro popular galego no que traballou canda a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, falecida en 2023.
Os eixes do encontro
“Estas Letras Galegas permitiron dalgún modo unir dous ámbitos: o da cultura de masas e o asociacionismo e a alta cultura, e coido que a enerxía que se experimentou este ano, vivido con tanta intensidade, ten que ver con isto. Vemos ademais como as novas xeracións están a retomar o legado da tradición, empregando novas canles, situándoo noutros espazos, e sobre todo isto queremos reflexionar”, valora María López-Sández.
No balance dos últimos meses e neses novos camiños da tradición afondouse na mesa redonda que moderou Ana Boullón, impulsora da candidatura das Letras das cantareiras, en conversa cos músicos Xabier Díaz e Richi Casás (neto e sobriño neto de Rosa e Adolfina Casás, dúas das sete cantareiras nas que se personificou este 17 de maio), e a técnica do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galega, Isabel Vigo. Boullón subliña a importancia deses vieiros que se abren no mundo tradi para a súa propia saúde e lonxevidade. “Este ano celebramos o camiño que nos trouxo ata aquí, as mulleres que nos transmitiron e crearon esta tradición centenaria, pero para sobrevivir a tradición ten que adaptarse aos novos tempos. As novas figuras da nosa música tradicional é o que están a facer, e é o que precisamos para conseguir oíntes entre a xente nova, que é o que nos interesa. É certo que pode haber uns camiños máis ortodoxos, que continúen a tradición tal e como era, pero o futuro precisa esoutras vías”, considera a secretaria da RAG.
O simposio tivo outro eixe nas variables clase e xénero na poesía popular oral. “A perspectiva de xénero é intrínseca a este 17 de maio que personificamos na muxiá Eva Castiñeira, as Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) e Rosa e Adolfina Casás Rama (Cerceda) para poñermos o foco no papel das mulleres na transmisión da tradición oral e nesa dobre subalternidade e interseccionalidade de lingua e xénero”, lembra María López-Sández. “Quixemos volver sobre as letras das coplas e ver como o carácter patriarcal da sociedade tamén se plasmou, por veces de xeito directo e por veces desde a contestación; e interesounos igualmente ver como xénero e clase social interseccionan arredor dun patrimonio creado polas clases populares, xente labrega e do mar durante moito tempo analfabeta”, detalla.
A mesa redonda sobre xénero e clase, moderada por Antón Santamarina, contou co investigador Domingo Blanco, a profesora e intérprete de música tradicional Branca Villares e a etnomusicóloga Xulia Feixoo, encargada ademais de pronunciar a conferencia inaugural. O musicólogo Sergio de la Ossa e o estudoso dos cancioneiros Manuel Rico Verea foron tamén protagonistas desta cita á que lle puxo o ramo a A.C. Abaladeiras de Muxía cunha actuación musical.
“A voz colectiva é un modo de facer comunidade”
A percusionista e etnomusicóloga Xulia Feixoo Martínez , especialista en música galega de tradición oral, afondou no relatorio de apertura do Simposio das Letras Galegas 2025 no coñecemento legado polas cantareiras. “O coñecemento transmitido polas cantareiras emerxe das prácticas da escoita e fica inscrito na voz e nos corpos colectivos. É un saber que excede a análise musical tal e como é entendida na praxe académica occidental, e maniféstase no propio acto de cantar e bailar xuntas”, explica a investigadora, que lle presta atención especial no seu estudo á foliada como fenómeno sociocultural contemporáneo.
Feixoo propón aproveitar este legado para pensarmos o presente e reforzar o comunitario. “A tradición das nosas cantareiras demostra que a voz colectiva foi tamén un modo de facer comunidade, de crear vínculo e de habitar o territorio. Nun tempo no que a modernidade tardía tende á uniformidade sonora e á estandarización das prácticas, o ronsel do cantigueiro segue ofrecendo outra forma de coñecer e de estar no mundo: unha forma de estar no mundo que entende a nosa música e o noso baile como forzas vivas que continúan a trazar as coordenadas colectivas do noso territorio”, suxire.
O musicólogo Sergio de la Ossa impartiu a segunda conferencia do simposio, unha contribución sobre a relación entre a letra e a música. “A música é soporte da memoria. Hai versos que os portadores da tradición son incapaces de recuperar da memoria se non é cantándoos. E ao cantar, o texto pon a roupa dun día de festa, reálzase, o que se canta convértese nun acontecemento memorable”, apunta o estudoso. Os elementos musicais inflúen ademais -engade- na percepción da letra: “A música comparte coa fala diversos elementos como a duración, o acento de intensidade ou a altura de entoación. Tende a regularizar máis estes fenómenos, pode enfatizalos ou contradicilos e producir resultados máis ou menos satisfactorios. Isto depende do grao de harmonía ou concordancia entre os elementos de ambos os medios, mais tamén das expectativas, lexítimas ou non, que proxectamos sobre eles”.
Na súa intervención, Sergio de la Ossa, guitarrista e mestre de análise da música tradicional, harmonía clásica e solfexo, referiuse ademais a certos de xéneros e formas estróficas practicados en Galicia pero con nulos ou escasos exemplos en galego, e a como o estudo da música pode axudar a determinar o momento e a dinámica de adopción e espallamento das coplas e das músicas.
Da pobreza feminina á “renaturalización” das foliadas
O programa continuou coa mesa redonda Pensar a tradición desde o xénero e a clase social, con Xulia Feixoo, Branca Villares e Domingo Blanco. Sobre a variable da clase, Antón Santamarina, encargado de moderala, recorda a achega do expresidente da RAG Xesús Alonso Montero, que en 1969 publicou Cantigas sociales. “No noso cancioneiro hai bastantes cantigas que reflicten a situación económica e social na que se atopaban os nosos campesiños, o seu status e conflitos”, sinala o académico, que enumera entre os temas relacionados coa clase como a emigración a América (Adiós ríos, adiós fontes), as migracións estacionais como as segas en Castela, as diferenzas de clase (Agora que veu o vrau / algería prós señores / que andan de sombra en sombra / mirando prós labradores) ou a pobreza (Miña nai como é tan pobre...).
A pobreza foi precisamente un dos temas no que se detivo Branca Villares nunha intervención centrada en como as cantareiras reflectiron nas súas cantigas a súa condición de mulleres maioritariamente pobres. “A violencia contra as mulleres deixou distintos pousos no cancioneiro: nenas abusadas, as mozas desexadas e marmuradas, as mulleres traballadoras ou as vellas”, advirte. A profesora, cantareira e tocadora referiuse tamén ao paso das pandeireteiras á esfera pública e “ao discurso que arredor delas creou o folclorismo, que deformou a conexión natural coa nosa propia tradición oral”, considera. Na actualidade esta tradición vive un proceso de “renaturalización” que cobra forza arredor dos “espazos culturais inclusivos e interxeracionais que son as novas polavilas (foliadas) ou das tocadoras de pandeira”, contrapón.
O presente do binomio xénero e tradición foi abordado tamén por Xulia Feixoo, quen se interesa igualmente polos diálogo entre tradición e contemporaneidade. A estudosa pon como exemplo a exploración das “zonas escuras” da maternidade da artista Faia Díaz a partir de material do APOI. “A través deste arquivo, Faia inscríbese nunha xenealoxía de mulleres coas que compartir esa experiencia, un acontecemento íntimo e social que fai visibles violencias implícitas contra as mulleres e, ao mesmo tempo, activa un caudal de saberes ancestrais transmitidos durante xeracións por medio da música tradicional”, contextualiza.
As competicións de regueifas, un “espectáculo popular rural”
Domingo Blanco, investigador no ámbito da literatura galega de tradición oral, achegouse a esta cuestión da clase no cancioneiro a través dos anos de esplendor da regueifa. Autor de obras como A Poesía Popular de Galicia (1745-1885), que recolle as máis de 9.000 coplas publicadas desde Sarmiento ata o cancioneiro de Pérez Ballesteros que recompilou para a súa tese de doutoramento, e Historia da literatura popular galega (1994), profundou neste “subxénero das cantigas populares” que consiste nunha disputa dialéctica improvisada e en verso, e analizou como foi transformándose desde o século XIX ata finais dos anos 70 do XX mor da influencia urbana.
“As regueifas son un xénero absolutamente rural e constituíron un espectáculo popular deste mundo de moito éxito. Son por natureza política e socialmente incorrectas, mesmo obscenas, pero estes cantos de controversia foron cambiando de ton e no tratamento que lles daban ás persoas das que falaban a medida que mudaban os gustos da xente”, explica o filólogo. Blanco puido documentar a práctica da regueifa desde o século XIX e, ao longo do XX, en lugares como O Courel, A Pobra do Brollón e O Inicio en Lugo, ou Entrimo na provincia de Ourense, se ben foi na faixa occidental da provincia da Coruña onde se cultivou com máis intensidade. Na cidade da Coruña hai constancia da celebración de regueifas a finais do XIX, e ata os anos 40 seguíanse dando en diversas parroquias de Muros, Noia e outras próximas a Santiago de Compostela, pero sen dúbida a comarca de Bergantiños foi o seu núcleo máis importante.
Nesta zona, nos anos 50 e 60 chegaron a vivir un momento de esplendor. Alén de seren práctica habitual, coma noutros puntos de Galicia –especialmente nas vodas–, en Bergantiños acadaron grande sona as competicións que organizaban as comisións de festas como parte destacada das celebracións. “Tiñan lugar no terreiro ou no adro da igrexa, incluso en salas de festas que se alugaban. O punto máis álxido na autoestima deste xénero deuse a comezos dos anos 50, cando na inauguración da feira de Carballo o vocalista dunha famosa orquestra da Coruña tivo que retirarse á media hora, incapaz de competir coa capacidade inigualable de improvisar dos regueifeiros”, lembra. O fenómeno foi esmorecendo a finais dos anos 70 e primeiros 80, coa expansión de novos gustos chegados das cidades e o traslado das vodas das casas aos restaurantes.
Canto ao xénero, a maioría das persoas que cultivaron a regueifa foron homes, como Blanco (1892-1988), natural de Traba (Coristanco), e “o máis destacado e influínte”, ou os muxiáns Benedito Seixas (1904-1977) e o Torto de Prado (ca. 1885-ca. 1935); aínda que tamén houbo regueifeiras de renome como a veciña de Ponteceso Leonarda de Tallo (1870 ca.-1937). “Era atrevida a valente nas súas improvisacións, moi famosa polas cantigas nas que se metía cos homes”, sinala Domingo Blanco.
Manuel Rico Verea abriu a sesión da tarde cun relatorio sobre a historia dos cancioneiros galegos a partir de nove melodías tradicionais recollidas e harmonizadas para piano por Marcial Valladares (1821-1903), “considerado o primeiro galego que realizou unha compilación da música tradicional de Galicia”, e que Manuel Murguía publicou na primeira edición da súa Historia de Galicia. O percorrido do estudoso incide na “carencia de formalidade e de rigor nas publicacións sucesivas dos cancioneiros de música tradicional”, que invisibilizaban por sistema as súas fontes de investigación. "O conxunto destas melodías colectadas por Marcial Valladares, moito antes xa de seren publicadas, foi fornecendo diferentes cancioneiros sen que neles se citase expresamente a súa autoría; noutros casos mesmo parece que se escondera a súa existencia modificando o título, a melodía, o xénero e mesmo a copla coa que fora recolleita, expresa.
A escasa presenza do cancioneiro galego no sistema educativo galego foi outro dos asuntos que comentou Rico. "Temos un material inmellorable no cancioneiro para introducir a nosa música na escola. Non se comprende que nun conservatorio de Galicia se prescinda dela", opina.
Balance do ano e futuro da tradición
A mesa redonda Cantareiras: balance dun ano e perspectivas de futuro da tradición contou cos músicos Xabier Díaz e Richi Casás e a técnica do APOI Isabel Vigo. “Eu creo que hai certa unanimidade en que foi estas Letras Galegas foron cando menos unhas das máis expansivas. Non só implicaron unha cantidade importantísima de xente vencellada á música tradicional e ao seu movemento asociativo, tamén acadaron un achegamento moi importante á sociedade en xeral. Eu desde logo estou moi contento, e penso que Rosalía de Castro tamén o estaría”, enfatiza Xabier Díaz.
Quen é un dos grandes referentes da música galega de raíz valora especialmente o recoñecemento que significou este 17 de maio para “as grandísimas mestras” que foron tantas cantareiras das que el mesmo e outros activistas da recuperación da música tradicional aprenderon. “Creo que axudou a visibilizar todas esas mulleres que en moitas ocasións eran pouco coñecidas ou recoñecidas incluso no seu contornos social e familiar”, apunta. Mais tamén valora a axuda que significou para unha continuidade que coida garantida. “Son moi optimista porque somos un país con certa fachenda polo noso patrimonio inmaterial. Noutras latitudes do Estado quedan abraiados canto lles comentamos que aquí tocan a pandeireta decenas de miles de persoas. Iso é algo extraordinario que non acontece en ningún outro lugar”, di.
Alén da significación máis íntima que para el tivo este 17 de maio por seren a súa avoa e a súa tía avoa Rosa e Adolfina parte das protagonistas, Richi Casás pon o acento no avance que se deu nos últimos meses á difusión de arquivos de institucións e particulares, algo que cre fundamental para seguir progresando no estudo e na difusión da poesía popular oral e da música que sempre a acompañou. Neste ronsel pon, entre outros exemplos, o libro-disco titulado Cancioneiro serodio (1989-2012) do propio Xabier Díaz, que recompila parte das súas recollas. “Coido que, de cara ao futuro, o dos arquivos é un chanzo que aínda falta por explotar. Para lles sacar todo o proveito posible, debe ser máis fácil visitalos e consultalos”, opina o músico, autor de Fuliada na Vila, o libro-disco no que fusionou os cantos de Rosa e Adolfina recollidos por Dorothé Schubarth co jazz e outros ritmos.
Un recurso indispensable é o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, que custodia, entre outras, as gravacións e demais documentos do Cancioneiro popular galego de Schubarth e Santamarina. Para esta institución, as Letras Galegas significaron un importante incremento de solicitudes de reprodución de fondos, pero tamén nova información sobre o patrimonio que custodia, explica a técnica do APOI. “No mes de maio chegaron a rexistrarse preto de 11.000 descargas no repositorio e a exposición que lles dedicamos ás cantareiras chegou ás 24.000 visitas”, pon como exemplo Isabel Vigo. “A posta en valor do patrimonio inmaterial que custodiamos tamén se reflectiu na chegada de novos materiais orixinais que acrecentaron os nosos fondos e, doutra banda, investigacións e homenaxes achegáronnos novos datos das nosas informantes”, engade.

















