A Academia abre os Encontros coa xente nova escoitando o alumnado do proxecto 21 días co galego

A  Academia abriu hoxe as portas ao alumnado do IES da Pobra do Caramiñal e do Colexio Fogar de Santa Margarida da Coruña na primeira xuntanza dos Encontros da RAG coa xente nova. "Con esta iniciativa, a institución pretende achegarse a novos sectores da cidadanía, fundamentalmente xente nova, desde estudantes a profesionais de diversa procedencia, que queiran participar xunto a membros da Academia nun espazo de reflexións e debate sobre o presente e o futuro do idioma", explica o presidente, Víctor F. Freixanes. A iniciativa, que se desenvolverá en distintos lugares de Galicia baixo a coordinación do Seminario de Sociolingüística da institución, botou a andar da man de rapaces e rapazas que participan en 21 días co galego, un proxecto que anima a expresarse en galego durante tres semanas, todo o día e con todo o mundo, a persoas que se atopan nun tramo de idade crucial para o futuro da lingua, e no que o proceso de substitución lingüística do idioma propio do país polo castelán se acelerou notablemente nos últimos anos: segundo os últimos datos, só o 25 % da poboación de 5 a 14 anos emprega como lingua habitual o galego ou máis galego que castelán.

Pola esquerda, Antón Míguez Pallares e Erea Castelo Martínez, do IES da Pobra do Caramiñal, e Diego Oreona Pena e Lía Lema Pombo, do Colexio Fogar de Santa Margarida. Fonte: RAG


A xuntanza tivo lugar nas vésperas do Día das Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno, escritora, docente, editora, tradutora e activista da lingua que guiou en boa medida a súa traxectoria na procura de vieiros que achegasen o galego ás xeracións máis novas. Este é tamén o reto de 21 días co galego, unha iniciativa que merece visibilidade social. "É moi importante que continuedes, contades co apoio da Academia incondicionalmente", agradeceu Víctor F. Freixanes aos seus promotores, que animaron a que se imite noutros centros educativos. "Esta é unha experiencia para compartir, ofrecemos todo o material dos nosos blogs para quen queira dispoñer del", expresaron a profesora do IES da Pobra do Caramiñal Pilar Ponte e o profesor do Colexio Fogar de Santa Margarida Carlos Medrano.


Vídeo de resumo do proxecto 21 días co galego


O coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo, salientou tamén a importancia de que se apoien experiencias deste tipo: "O galego non só necesita de estudos e análises, tamén necesita iniciativas en positivo. Temos que ser capaces de demostrarlle á sociedade galega que somos quen de mellorar a situación do idioma, que somos quen de dar pasos para adiante". O académico valorou que 21 días co galego incida na competencia lingüística, pero tamén na motivación e nas ocasións de uso da lingua, un aspecto este último no que insistiu o alumnado participante no encontro, que criticou os prexuízos lingüísticos e reclamou, entre outras medidas, máis campamentos nos que a lingua vehicular sexa o galego, a tradución de supervendas da literatura ou a dobraxe dos éxitos cinematográficos.

Levando o idioma a todos os eidos
21 días co galego naceu no IES da Pobra do Caramiñal en 2012, da man de Pilar Ponte Patiño, co obxectivo de que o seu alumnado acadase unha maior competencia en galego e unha mellor conciencia lingüística a través de actividades variadas, parte delas lúdicas sempre concibidas para levar o idioma a todo tipo de eidos, especialmente aqueles onde nunca estivera na vida dunha parte importante dos e das adolescentes. Desde 2014 é un proxecto de centro que implica a todo o alumnado de ESO e bacharelato, e no que nalgunha edición chegaron a participar máis de corenta docentes, a ANPA e mesmo a comercios do municipio e o propio Concello da Pobra do Caramiñal. No ano 2015 recibiu o Premio á innovación educativa en normalización lingüística. O programa atopou réplica en 2016 no Colexio Fogar de Santa Margarida, nun contexto fortemente castelanizado como é o centro urbano da Coruña no que, baixo a coordinación do profesor Carlos Medrano, tamén está a dar bos froitos entre os mozos e mozas que deciden sumarse a esta experiencia.

As tres semanas nas que se reta os alumnos e alumnas a viviren en galego serven para perfeccionar o uso da lingua oral, como se pode comprobar nos vídeos que gravan a diario repasando como lles foi a xornada (resumo dispoñible nesta peza audiovisual). Pero estes testemuños deixan ver outros logros aínda máis importantes polos que se interesaron os membros da RAG: a reflexión persoal que cada alumna e alumno realiza sobre a relación que ten co galego desde a súa situación vital concreta, sobre os prexuízos propios e da súa contorna e os que atopan noutros eidos, ou os avances que acadan para combatelos.


Pilar Ponte e Carlos Medrano, docentes responsables do proxecto nos seus respectivos centros, nun momento da rolda de prensa posterior ao encontro. Fonte: RAG


Resultados logrados
Nos cinco anos que leva en marcha o programa no IES da Pobra do Caramiñal acadouse un incremento do emprego oral da lingua galega por parte de todas as persoas participantes, tanto alumnas e alumnos como nais e pais, profesorado e persoal de administración e servizos, así como "a conquista de novos espazos de uso do galego entre iguais por parte do alumnado, nos patios e fóra do centro escolar", explica Pilar Ponte. Tamén significou a abertura das portas ao galego en moitos fogares onde nunca estivo presente ou deixara de estalo e facilita que se estableza en parte do alumnado a semente para unha práctica oral consciente nun futuro, "como xa lles ten pasado a estudantes nosos ao chegar á universidade", engade a profesora. "Máis aló de calquera enquisa sociolingüística que fale de porcentaxes arriba ou abaixo, cando falar galego supón un esforzo extra, as medidas de promoción e defensa da lingua deben ser tamén extraordinarias para que a imaxe da mocidade falando galego non sexa só unha ilusión nas mentes de moitos de nós", conclúe Pilar Ponte, que advirte tamén que "o futuro do galego, se non é neofalante, non é futuro tampouco.

"Independentemente de que o alumnado falase máis ou menos en galego, con 21 días conseguimos algo, se cadra, máis valioso: aproximar a lingua á vida cotiá dos que a tiñan máis lonxe e reforzar a autoestima dos que a tiñan máis cerca", coincide Carlos Medrano desde a experiencia nun colexio do centro da Coruña. "Entre os rapaces que participan, hainos que chegan a facer piña e que se xuntan para falar en galego na escola", asegura. Porque nos dous cursos que leva en marcha a experiencia no Colexio Fogar de Santa Margarida, aínda que hai rapaces e rapazas que teñen o galego lonxe da súa contorna, sorprendeuno tamén comprobar "cantos hai co galego cerca e que só necesitan un pequeno empuxón para empezar a usalo". En calquera caso, indica, "todos teñen o galego no ADN".

Alén da reflexión persoal sobre a relación individual que cada quen ten coas linguas e, especialmente, co galego, o proxecto 21 días co galego contribúe a que os alumnos e alumnas adquiran empatía coas persoas galegofalantes, e especialmente coas neofalantes, e a que constaten que "na realidade non pode existir o dereito ao uso do galego sen a previa adquisición da competencia lingüística necesaria para exercelo libremente", engade Pilar Ponte.

En paralelo ás competencias lingüísticas e sociolingüísticas, o proxecto traballa tamén outras sociais e cívicas, a dixital e a conciencia e expresións culturais. De feito, cada ano apadriña esta experiencia en cada un dos centros unha persoa relevante de distintos eidos, desde a literatura (como fixo no seu día Agustín Fernández Paz), a música ou o deporte, e propóñense actividades que permiten un achegamento ao coñecemento de diferentes aspectos da cultura galega dende unha óptica que pretende coñecer as orixes e ao mesmo tempo ser o máis vangardista posible, explican os docentes.

A visión e as propostas do alumnado
Tras a presentación do proxecto 21 días en galego por parte de Pilar Ponte e Carlos Medrano, Erea Castelo Martínez e Antón Míguez Martínez, estudantes do IES da Pobra do Caramiñal, e Lía Lema Pombo e Diego Oreona Pena, do Colexio Fogar de Santa Margarida, foron os encargados de avanzar, antes do coloquio, a valoración que o alumnado fai desta iniciativa e a súa visión sobre a situación do galego e as medidas que deberían promover a Real Academia Galega e outros axentes implicados na normalización do idioma entre a mocidade.

Antón Míguez Pallares ofreceu un retrato sociolingüístico da Pobra do Caramiñal onde, como en moitos outros lugares, se está a producir unha creba da transmisión interxeracional da lingua. "Moitos pais e nais, avós e avoas, fálanlles castelán aos fillos e netos aínda que entre si falen en galego", lamentou. Neste contexto, a experiencia de 21 días co galego consegue resultados esperanzadores, como demostra o testemuño da súa compañeira Erea Castelo Martínez. "Gustoume moito a experiencia, pareceume interesante e entretida, porque creo que se non fose por ela non me atrevería a falar en galego na casa e cos amigos. Eu antes nunca falaba galego. Cando empezamos esta actividade, ao principio dábame un pouco de vergonza e de medo falalo, e non me gustaba implicar a miña familia, pero unha vez rematada a experiencia acabei falando tamén galego na casa. Agora no instituto aínda non falo tanto, pero penso que todo chegará", confía a alumna do IES da Pobra do Caramiñal.

Lía Lema Pombo e Diego Oreona Pena explican que o galego é para eles lingua de relación no ámbito familiar, aínda que son conscientes de que "isto non é o máis frecuente entre a xente da nosa idade no ámbito da Coruña". "Creo que a nosa lingua chegou a este punto polos prexuízos", reflexiona Lía. Uns prexuízos que, recoñece Diego, "é o que máis nos bota para atrás á hora de falar galego". Pero para eles a lingua de Galicia é un privilexio "e algo que cómpre respectar e defender". "Usamos o galego porque o sentimos noso, pero vemos que, en xeral, unha lingua é usada só se che é necesaria, se che é útil", advirten. "Renegando da nosa lingua, renegamos da nosa cultura. [A xente nova ] somos o futuro, pero non podemos nós sós, precisamos axuda", concluíu Lía Lema Pombo no coloquio.

Entre as demandas para mellorar ese futuro do idioma, o alumnado apostou por que se desenvolvan máis campamentos de verán co galego como lingua vehicular, promover a dobraxe de éxitos cinematográficos internacionais, a tradución das novelas supervendas, a organización a través da Academia de certames literarios para a xente nova e que os Encontros da Academia coa xente nova teñan continuidade e difusión.


Imaxe de grupo das persoas participantes no primeiro dos Encontros da RAG coa xente nova. Fonte: RAG