Xaquín Loredo nun momento da súa intervención
Esta é, explicou Xaquín Loredo, a primeira investigación profunda dende a perspectiva da lingua nunha contorna periurbana. O seu interese especial radica ademais no feito de centrarse nas idades máis temperás, infancia e mocidade, e tendo en conta todos os contextos de socialización: a familia, a escola e os espazos de ocio e tempo libre.
O traballo estase a desenvolver no marco do convenio que asinaron o pasado mes de febreiro a Real Academia Galega e o Concello. Os resultados do que será o primeiro mapa sociolingüístico deste municipio servirán para propoñer medidas de intervención que promovan que a lingua recupere espazos de uso nun grupo de poboación esencial para o seu futuro.
O traballo de campo da primeira fase do proxecto, xa concluído, permitiu analizar a situación nas dez escolas de educación infantil de 0 a 3 anos de distinta titularidade que hai no concello, a través de enquisas aos pais e nais e ás educadoras. O estudo completouse con entrevistas ao persoal directivo destes centros.