As letras galegas están a ser representadas estes días na FIL 2023 por Marilar Aleixandre, Berta Dávila e Brais Lamela, quen protagonizou na tarde do xoves unha conversa coa escritora mexicana Brenda Navarro presentada pola académica.
Esta é a segunda ocasión na que Marilar Aleixandre participa na Feira Internacional do Libro de Guadalajara, un encontro singular, subliña, pola extraordinaria relación desta cita coa sociedade do seu contorno. A cita anual é unha iniciativa da Universidade de Guadalajara, da que dependen centros de educación secundaria como a chamada Prepa 15, unha escola de máis de 3500 estudantes. Aleixandre falou sobre a súa obra cun grupo de alumnas e alumnos de 17 anos deste instituto, que se interesaron, entre outras cuestións, pola perspectiva de xénero da súa literatura.
A académica ofreceu tamén unha intervención no expositor da Xunta de Galicia sobre a escrita de novelas xuvenís sobre conflitos.