A académica Marilar Aleixandre participa na Feria Internacional del Libro de Guadalajara

A académica Marilar Aleixandre participa estes días na Feria Internacional del Libro de Guadalajara (México). A arquiveira-bibliotecaria da RAG protagonizou un diálogo coa autora mexicana Cecilia Eudave sobre a súa novela As malas mulleres, gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2022 do Ministerio de Cultura, e visitou a Escuela Preparatoria nº 15 para conversar co alumnado sobre a súa escrita e os temas que aborda. 

Marilar Aleixandre con Cecilia Eudave

As letras galegas están a ser representadas estes días na FIL 2023 por Marilar Aleixandre, Berta Dávila e Brais Lamela, quen protagonizou na tarde do xoves unha conversa coa escritora mexicana Brenda Navarro presentada pola académica.

Esta é a segunda ocasión na que Marilar Aleixandre participa na Feira Internacional do Libro de Guadalajara, un encontro singular, subliña, pola extraordinaria relación desta cita coa sociedade do seu contorno. A cita anual é unha iniciativa da Universidade de Guadalajara, da que dependen centros de educación secundaria como a chamada Prepa 15, unha escola de máis de 3500 estudantes. Aleixandre falou sobre a súa obra cun grupo de alumnas e alumnos de 17 anos deste instituto, que se interesaron, entre outras cuestións, pola perspectiva de xénero da súa literatura.

A académica ofreceu tamén unha intervención no expositor da Xunta de Galicia sobre a escrita de novelas xuvenís sobre conflitos.

Un momento da conversa sobre As malas mulleres na Feira Internacional do Libro de Guadalajara
Marilar Aleixandre, Berta Dávila e Brais Lamela na Feira Internacional do Libro de Guadalajara