80 aniversario da recepción de Villar Ponte e Castelao na Academia

O 24 e 25 de xullo de 1934 ingresaban na Academia dúas figuras senlleiras no panorama cultural e político galego da época: Antón Villar Ponte e Castelao.
Recepción de Castelao na Academia
Recepción de Castelao na Academia. De pé: Sebastián González, Eladio Rodríguez, Enrique Peinador Lines, Gonzalo López Abente, Pura González Varela, Celia Brañas Fernández, Ramón Otero Pedrayo, David Fernández Dieguez, Ángel del Castillo e Fernando Cortés Bugía. Sentados, Fernando Martínez Morás, Castelao, Lugrís Freire, Antón Villar Ponte e Félix Estrada Catoyra


Para conmemorar este feito, a Academia publica, en formato dixital e de acceso aberto e gratuíto, o discurso de ingreso de Antón Villar Ponte nesta corporación titulado O sentimento liberal na Galiza, respondido por Otero Pedrayo, no que o esgrevio xornalista viveirense ilustra o pulo democrático do pobo galego con exemplos tirados da súa historia –nomeadamente, dos episodios de revolta popular, desde a Irmandiña ata a Guerra da Independencia fronte ao francés- e do seu xeito particular de se autoorganizar en concellos, parroquias e outras entidades que precisaban da participación comunal na xestión do público.

No discurso de Villar Ponte, o liberalismo galego aparece retratado como un movemento político intimamente cinguido co rexionalismo, que ten o seu epicentro xeográfico na Coruña, e entre os seus principais promotores e ideólogos figuras como Antolín Faraldo, Xohana de Vega, Concepción Arenal e a tríade poética do Rexurdimento: Rosalía, Pondal e Curros.

O sentimento liberal na Galiza pódese descargar aquí.

Ao día seguinte, o 25 de xullo de 1934, Castelao disertaba, nun discurso de carácter etnográfico titulado As cruces de pedra na Galiza, sobre as particularidades galegas desta construción de carácter relixioso, analizando, especialmente, as súas semellanzas e diferenzas cos monumentos irlandeses do mesmo tipo, e achegando, ademais, unha interpretación da rica iconografía coa que eran adornadas.

A súa conferencia, respondida en nome da Academia polo propio Antón Villar Ponte, pódese consultar nesta ligazón.

A entrada na Academia de Castelao e Villar Ponte, dúas das figuras máis importantes no panorama cultural e político galego da época, tiveron un grande eco na prensa da época. Neste dossier que se pode descargar aquí, escolmamos unha serie de novas referidas a este feito publicadas en La Voz de Galicia e El Pueblo Gallego, así como unha selección de artigos aparecidos na prensa galego-americana.

Por último, para completar esta homenaxe aos dous esgrevios galeguistas no 80 aniversario da súa entrada na Academia, publicamos por vez primeira en formato dixital, un monográfico editado orixinalmente en 1999 titulado Presencia de Castelao na Academia, no que o presidente desta corporación, Xesús Alonso Montero, recolle a produción como académico do político e intelectual rianxeiro, así como os numerosos estudos centrados na análise da súa vida e obra feitos por outros membros numerarios da Academia.

Presencia de Castelao na Academia pódese descargar aquí.