A comisión que promoveu a inciativa diante da porta da Real Academia Galega. De esquerda a dereita: Marcos Dopico, presidente da Asociación Galega de Deseñadores; Xosé Salgado e Pepe Barro, de Grupo Revisión Deseño; Jacobo Bermejo, presidente da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia; Xosé Luís Axeitos, secretario da Academia; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Academia; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega e Manuel Bragado, presidente da Asociación de Editores.
O caderno, de 56 páxinas, será publicado o 17 de maio polo xornal Faro de Vigo de xeito gratuíto. Contará, ademais, cunha edición adicional de mil exemplares, a cargo da Asociación Galega de Editores, que será repartida por colexios e bibliotecas de todo o país. No caderno faise un percorrido por cada unha das figuras homenaxeadas ao longo destes cincuenta anos de Día das Letras a través dunha serie de 50 carteis realizados por cadanseu deseñador. En cada cartel aparece tamén un breve texto autoría dun escritor galego actual, quer da xeración máis veterana, como Manuel Álvarez Torneiro e María do Carme Kruckenberg, quer da máis nova, como María Reimóndez ou Daniel Costas. O caderno inclúe o manifesto titulado "As letras que nos fixeron", no que se pode ler: "As palabras e as imaxes son os lugares da cultura, esa é a masa que nos une".
No proxecto participaron once entidades e asociacións reunidas arredor da causa comunal da defensa e dignificación da nosa lingua e cultura propias que nomeamos a continuación: Real Academia Galega, Asociación Galega de Deseñadores, Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, Asociación de Empresarios de Artes Grá?cas de Galicia, Torras Papel/Norte Papel, Asociación Galega de Editores, Federación de Libreiros de Galicia, Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia, ANABAD – Galicia, Faro de Vigo e a Xunta de Galicia.
Caderno cos 50 carteis, editado por Faro de Vigo.
Abaixo: Reproduccións dos 50 carteis, con datos de figura homenaxeada. Clicando nas miniaturas descárganse arquivos PDF con resolución abonda para podérense imprimir.