Pilar Ponte comezando a conferencia
Pilar Ponte Patiño contoulles aos 75 alumnos e alumnas chegados a Santiago de Compostela desde vinte e catro países diferentes e cinco comunidades autónomas en que consiste esta experiencia nun relatorio que se desenvolveu no marco do programa de palestras da XXXI edición destes cursos organizados pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.
A docente creou 21 días co galego co obxectivo de que o alumnado da Pobra do Caramiñal acadase unha maior competencia na lingua do país e unha mellor conciencia lingüística a través de actividades variadas, sempre concibidas para levar o idioma sobre todo a aqueles eidos onde nunca estivera na vida dunha parte importante dos e das adolescentes. Desde 2014 é un proxecto de centro que implica a todo o alumnado de ESO e bacharelato. No ano 2015 recibiu o Premio á innovación educativa en normalización lingüística.
A comunidade educativa do IES da Pobra do Caramiñal protagonizou o pasado 8 de maio o primeiro encontro da Real Academia Galega coa xente nova, da man do Colexio Fogar de Santa Margarida da Coruña, que adaptou o proxecto a unha contorna fortemente castelanizado baixo a coordinación do profesor Carlos Medrano.