150 anos de Lloréns, un pintor da xeración Triunfante na RAG

Francisco Lloréns (1874-1948) foi un dos pintores de paisaxes e retratos máis recoñecidos do seu tempo e formou parte da que Xosé Filgueira Valverde chamou xeración Triunfante. O artista foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega en 1929, nun momento de plenitude artística. A institución conserva como parte da colección da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán un retrato da súa autoría de José de Cavalcanti de Alburquerque, xenro da escritora.

Retrato fotográfico de Francisco Lloréns conservado no arquivo da Real Academia Galega

Francisco Lloréns naceu hai 150 anos na cidade da Coruña, o 10 de abril de 1874. Comezou os seus estudos artísticos na Escola de Artes e Oficios da Coruña, onde foi alumno, entre outros, de Román Navarro, quen influíu de xeito decisivo na súa concepción da pintura; e en 1892 trasladouse a Madrid para seguir formándose na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Alí coñeceu o maxisterio do paisaxista belga Carlos de Haes e visitou frecuentemente o obradoiro de Joaquín Sorolla, outro dos seus grandes referentes. 

En 1899 acadou a mención de honor da Exposición Nacional de Belas Artes e un ano despois obtivo unha bolsa de catro anos de duración da Academia de España en Roma, onde coñeceu outros bolseiros como Sotomayor -da mesma xeración Triunfante e nomeado académico de honra en 1940-, Chicharro, Manuel Benedito, Piñole ou Bacarisas. Naquela etapa viaxou ademais a París, Bélxica e Holanda, e publicou artigos no xornal coruñés El Noroeste, asinados co pseudónimo Sor Checco.

Xa de volta na Coruña desde 1906, integrouse activamente na escena cultural da cidade e participou a miúdo no faladoiro que Emilia Pardo Bazán organizaba na súa casa de Meirás. O seu cadro “La encina” acadou dúas terceiras medallas -unha na Exposición Nacional de Belas Artes e outra na Exposición Internacional de Barcelona.

A súa obra deixa xa naquela altura ver certo influxo do modernismo e o impresionismo francés e cultiva decote o tema das paisaxes mariñas galegas. É o caso de cadros como “La Ría del Burgo” ou “La gruta de las gaviotas”, dunha época na que tamén realizou unha serie de carteis propagandísticos para o Real Club Deportivo da Coruña e outros traballos do mesmo tipo que lle outorgaron unha merecida sona como cartelista. Presidiu, así mesmo, o comité organizador da Mostra Rexional de Arte Galego celebrada en 1909 en Santiago de Compostela. 

A partir de 1911 dá comezo un período de esplendor como pintor da que son probas pezas como “La hora de los rezos”, “La barra de Santa Cristina” ou “El valle de Samoedo”, nas que acusa a influencia de Rusiñol. En 1913 gaña a cátedra de Debuxo da Escola de Comercio de Barcelona pero trasládase, tres meses máis tarde, á de Madrid, cidade na que establece o seu estudio e a residencia definitiva.

En 1916 acada a Medalla de Ouro na Exposición Internacional de Panamá por “El valle de Samoedo” e é nomeado presidente da Sección de Pintura do Círculo de Belas Artes. En 1918 casa con Eva Rodríguez, filla do famoso médico Rodríguez, con quen ten dúas fillas: Eva, tamén pintora, e Rosario. Pasa longas tempadas estivais en Betanzos, Mera e Combarro, procurando descanso e temas para as súas pinturas. Nesta década cultiva a amizade de intelectuais galeguistas como os académicos Ramón Cabanillas ou Rey Soto e atravesa a súa plenitude artística: o seu cadro “Rías Bajas” gaña a medalla de honra na Exposición Nacional de Belas Artes; pinta os lenzos ”Playa de Bastiagueiro”, ”Costas de Mera” ou “El sendero”, e forma parte do comité organizador da Exposición Iberoamericana de Madrid. O 23 de febreiro de 1929 é nomeado membro correspondente da Real Academia Galega a proposta de Eladio Rodríguez, Ángel del Castillo e Fernando Martínez Morás.

Logo da guerra civil, o pintor inicia o seu declive físico e artístico e comeza a recibir numerosas homenaxes. É nomeado membro numerario da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, socio de honra do Círculo de Belas Artes de Madrid e académico de honra da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario da Coruña. Falece en Madrid o 11 de febreiro de 1948. 

O retrato de Cavalcanti
A colección da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, dependente da RAG, conserva entre os seus fondos o retrato que Lloréns realizou de José Cavalcanti (1871-1937), xenro da escritora. O óleo sobre lenzo, de 113.5 x 80, é o resultado dunha encarga feita en 1944 pola propia Blanca, xa viúva, e executouse a partir dunha fotografía.

Cavalcanti foi un militar español de orixe italo-cubana que participou na guerra de Marrocos, onde foi condecorado coa Cruz Laureada de San Fernando coa que aparece retratado neste cadro.