Máis dun cento de persoas, entre personalidades da cultura, autoridades e outros asistentes, acudiron onte ao acto que deu comezo ás 20 horas e estivo aberto ao público. A memoria e a vixencia da poeta defendeuse nunha combinación de música, poesía e disertación arredor da súa figura.
No acto interviñeron Ana Blanco, dando lectura ao texto "A palabra de Rosalía"; o filólogo e membro de número da Academia, Xesús Alonso Montero e o historiador, e tamén académico, Xosé Ramón Barreiro Fernández, quen recentemente publicou unha exhaustiva biografía sobre Manuel Murguía. A continuación, a investigadora e profesora Dolores Vilavedra presentou os poetas Xavier Rodríguez Baixeras, Marica Campo, Cándido Duro, Mario Regueira, Lorena Souto e Dorés Tembrás. Trala audición do himno galego, a cantante galaico-palestina Najla Shami interpretou pezas musicais con letra de Rosalía de Castro. O acto foi clausurado polo presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira Viturro.
Nas súas declaracións públicas, a Fundación manifestou a vontade de "recoller o legado histórico das persoas que fundaron, protexeron e defenderon a Casa de Rosalía, ao tempo que activar tamén os perfís máis actuais do rosalianismo contemporáneo". Facendo alusión ao momento económico que vivimos, a Fundación declarou a súa pretensión de "incrementar a súa presenza social e promover a Rosalía como referente e modelo de unión, resistencia e esperanza para o pobo galego".