107 anos da Real Academia Galega

Aínda que o 30 de setembro de 1906 é a data da súa inauguración oficial, a Academia xa se convertera nunha realidade un ano antes.
Reunión de varios redactores de Revista Gallega
Reunión de varios redactores de Revista Gallega. De esquerda a dereita: Vaamonde Lores, Eladio Rodríguez, Uxío Carré Aldao, Galo Salinas e Francisco Tettamancy

 

Portada da Revista Gallega co Real Decreto no que se aproba a constitución da RAG
Portada do número 599, do 9 de setembro de
1906, co Real Decreto que autoriza a constitución
da Academia

O día 4 de setembro de 1905 constitúese, na Casa do Consulado da Coruña, a Real Academia Galega. Nunha Xunta Extraordinaria presidida por Manuel Murguía, a nacente corporación agradece á Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, formada na Habana, o seu esforzo entusiasta e nomea Presidenta de Honra da Academia a escritora Emilia Pardo Bazán e Académico de Honra o político Ramón Pérez Costales. Na mesma Xunta acórdase que a residencia da Academia sexa A Coruña, noméanse os corenta membros de número e apróbanse os estatutos da institución. Ademais, escóllense os cargos para a Xunta de Goberno, sendo Manuel Murguía escollido presidente; Uxío Carré Aldao, secretario; Galo Salinas Rodríguez, arquiveiro-bibliotecario e José Pérez Ballesteros, tesoureiro.

Portada da Revista Gallega do 30 de setembro de 1906
Portada do número 602 do 30 de setembro de
1906 celebrando a inauguración da Academia

Con motivo deste acto constituínte, a Revista Gallega. Semanario de Literatura e intereses regionales, dirixida por Galo Salinas, desenvolveu un seguimento exhaustivo dos primeiros pasos dados pola Academia, dedicándolle máis de quince portadas ao longo do primeiro ano de vida da institución. O semanario, de edición bilingüe, foi publicado entre o 17 de marzo ce 1895 e o 30 de xuño de 1907 e, a partir do 14-XI-1897, declarouse a si mesmo o "órgano oficial de la Liga Gallega en La Coruña". Xa que logo, os seus principais obxectivos foron o espallamento do ideario rexionalista e a introdución do galego no ensino e na vida pública. A actividade xornalística da publicación centrouse na vida cultural galega e na comunidade galega na diáspora, especialmente en América. Os seus principais redactores foron Florencio Vaamonde Lores, Salvador Golpe Varela, Francisco Tettamancy, Eladio Rodríguez González e Uxío Carré Aldao, todos eles membros fundadores da Academia.

Desde a Hemeroteca, poñemos a disposición do público unha serie de artigos, recollidos entre o número 547 e o 603 da revista, nos que se dá conta do proceso de constitución e fundación da Academia. Podénse descargar aquí.

A xornada da fundación da Academia foi cuberta nunha extensa crónica escrita en galego por Valentina Lago-Valladares. Pódese descargar aquí.