Como foron os primeiros anos de Xela Arias? Como era a vida cotiá en Barreiros?
O pai era mestre na Granxa Escola que fundara Antonio Fernández, fillo de Antón de Marcos. En 1955 marchou Avelino Pousa Antelo e quedaron como mestres el e mais outra compañeira que fixeran alí a carreira por libre. Logo casamos e Xela naceu alí. Eu traballaba facendo a comida para os nenos do colexio, pero a prioridade era a nena, dediqueime a ela as vinte e catro horas do día. Como estabamos nunha escola agrícola, había unha horta, un xardín e tamén un campo de fútbol, había espazo abondo. Ela era aínda moi pequena e non estaba escolarizada, pero os nenos da escola adorábana, xogaban con ela á hora do recreo. Era moi vivaz! Polas tardes, case a diario, iamos ver os meus pais, que vivían moi preto, co irmán seguinte, que só lle levaba dezaseis meses. El ía no coche e ela e mais eu andando pola estrada. Os veciños abraiábanse do rápido que camiñaba! (ri).
O seu primeiro colexio foi o de Fingoi, en Lugo. Escolarizouse xusto despois de que abandonara a dirección Ricardo Carballo Calero, o protagonista das Letras Galegas 2020, e por idade comezaría nesta etapa a ler e a escribir. Pero cando empezou a crear as súas propias historias?
En Lugo aínda era moi pequeniña, claro, pero ela logo escribiu sempre. Cando nos viñemos para Vigo, Xela con 7 anos, o pai encargou unha mesa grande. El traballaba dun lado e os tres fillos maiores do outro, onde facían os deberes da escola ao seu aire. Víano lendo e escribindo e quizais por iso sempre lles gustou ler e escribir. Xela estaba sempre escribindo contos imaxinarios, moitas historias sacaba! (ri), pero fóronse perdendo. Non lles dabamos moita importancia, aínda que o pai sempre lle dicía que estaban ben. A Caixa de Aforros de Vigo convocaba concursos de relatos infantís e foi premiada varias veces, e despois, xa con once anos, gañou o concurso do Facho (o VI Concurso de Contos Infantís O Facho) cunha historia que se titulaba A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia.
Medrou no Vigo de finais dos anos 60 e primeiros 70. Xa era unha cidade grande, pero moi diferente tamén ás cidades de hoxe en día. Xela Arias pertence a unha xeración de nenos e nenas que xogou na rúa e que viviu quizais máis en contacto coa natureza, coa aldea, ca hoxe...
Si, ela e os irmáns tiveron moita liberdade para xogar na rúa, a porta da casa estaba aberta e baixaban, viñan buscar a merenda e volvían baixar. Todos os nenos e nenas do barrio xogaban nun predio que estaba a carón do noso edificio, porque a rúa remataba onda a nosa casa. Tamén iamos moito a Sarria e pola aldea andaban con moita liberdade. Nas fins de semana do inverno, se facía bo, saiamos aos montes arredor de Vigo, eu preparaba a comida e iamos comela a San Mamede, Aloia, Monteferro....; e no verán iamos á praia. Se iamos por pouco tempo, arrincabamos para Samil, pero se iamos da mañá á noite, iamos máis lonxe. Gustábanos moito a praia de Camposancos (A Guarda) e tamén o cabo Silleiro.
Xela Arias tamén mamou a cultura desde nena dunha maneira natural.
Si, ela mesma sempre estivo interesada pola cultura porque na casa sempre se viviu ese mundo. Valentín era xerente da Editorial Galaxia e pola casa pasaban moitos escritores. Xela e o outros dous irmáns maiores acompañaban o pai moito na editorial durante as fins de semana: arranxaban a biblioteca, cando había feiras do libros axudábanlle a preparar as caixas... Tras a morte de Otero Pedrayo, os tres botaron unha man no traslado dos libros da súa biblioteca, desde o piso que don Ramón tiña en Ourense, ata o pazo de Trasalba. E cos irmáns pequenos, Xela sempre se preocupou por ensinarlles cousas: levábaos a exposicións, ao cine...
Xa de adulta, non só destacou como creadora, tamén como editora e tradutora. Entre outros, gañou o Premio de Tradução da Sociedade de Lingua Portuguesa por verter ao galego Amor de perdición de Camilo Castelo Branco (1986, Xerais). Cal foi a súa relación coas linguas naqueles primeiros anos? Aprendeu portugués desde cativa?
Aprendeu. Na casa sempre falamos galego e os nenos lían tanto en galego como en castelán e en portugués, nunca tiveron problemas cos idiomas. Cando chegamos a Vigo, comezamos a ir moito a Portugal, e viñan ademais moitos escritores portugueses á casa. Os rapaces coñecían Portugal como coñecían Galicia, igual, desde Valença ata Santo António. No verán iamos facer cámping. Teño tamén uns recordos preciosísimos dunha viaxe que fixemos na Semana Santa a Quarteira. Ela xa traballaba en Xerais e se independizara. Nós marchamos antes, cos dous fillos pequenos, e Xela veu pasar os días festivos connosco. Veuse soa no tren e logo xa regresamos todos xuntos no coche.
Como poeta, un dos trazos da súa voz é a honestidade e a procura da liberdade. Declarábase inconforme coa orde establecida. Intuíase xa esa Xela adulta reivindicativa na Xela nena?
Era moi madura desde pequeniña. Cando rematou a EXB no colexio de Sárdoma, tivo clarísimo que iría estudar o bacharelato ao instituto do Calvario (IES Castelao), que acababa de abrir, porque era mixto. Por proximidade tocáballe o feminino (Santo Tomé) pero non quixo ir a un centro que separase por sexo, e a nós pareceunos ben. As inxustizas poñíana enferma. Foi sempre unha loitadora, esa coido que é a palabra que a define mellor. Loitou polas mulleres, polo galego, pola xente sen recursos, contra a guerra de Iraq... Onde puidese facer algo, alí estaba, sempre loitando contra vento e marea. E tamén foi loitadora como profesora. Sabía facerse cargo dos rapaces rebeldes, traballaba moitísimo con eles explicándolles a vida.
Que agarda deste ano das Letras Galegas 2021 dedicado a Xela Arias? Que significa para vostede este recoñecemento?
É unha mestura de moitas emocións. Sabiamos que isto podía pasar, porque xa se falou dela outros anos, pero a impresión é moi grande. Un recoñecemento coma este queda na historia das letras galegas para sempre. Xa se fixeran moitas cousas: a biblioteca de Chapela leva o seu nome, o certame de poesía Xela Arias para rapaces de toda Galicia no IES A Sangriña da Guarda, o premio Xela Arias da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, homenaxes e libros… ata se lle dedicou unha rúa en Culleredo, que aínda non puiden visitar, pero isto é como a consagración. Fóisenos moi nova e este ano estamos lembrando datas e anécdotas para toda a xente que está a traballar en libros, discos, exposicións, audiovisuais. É como volver a tela diante.