‘Toponimízate’ ofrece este venres en Chantada unha charla sobre a recolla colectiva de microtopónimos

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra continúa o seu percorrido por Galicia. A campaña da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua fai este venres parada en Chantada, cunha charla aberta a toda a veciñanza que se celebrará no auditorio municipal a partir das 20:00 horas. Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, impartirá a sesión, que busca implicar a veciñanza, as asociacións e a corporación municipal deste concello no gran proxecto colectivo de recolla e difusión da microtoponimia (nomes de terras, montes, fontes, regueiros, penedos...) a través da plataforma colaborativa  Galicia Nomeada

Chantada conta cun territorio moi amplo (176 quilómetros cadrados de extensión repartidos en 35 parroquias) e só algunhas das súas freguesías foron obxecto de recollida toponímica na época do Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011). A este feito, cómpre engadir que desde que se puxo en marcha Galicia Nomeada apenas se deron de alta nela colaboradores deste municipio. “Convidamos a todos os veciños e veciñas do concello e da comarca a que acudan á charla Toponimízate para que vexan o doado e necesario que é colaborar na recolla dos nomes dos viñedos e dos montes que os habitantes desta terra transmitiron de xeración en xeración con tanto agarimo”, expresa o filólogo da Academia Vicente Feijoo, coordinador técnico tamén de Galicia Nomeada.

Gran parte da charla centrarase en explicar as principais funcionalidades desta plataforma, tanto na súa versión de escritorio para ordenadores como na aplicación para dispositivos móbiles. As persoas asistentes aprenderán a incluír un novo topónimo, engadirlle a categoría xeográfica, as lendas ou historias que a xente maior conta sobre el, un arquivo de son ou imaxes, enviar suxestións sobre topónimos xa rexistrados etc.

Como colofón, tamén coñecerán a orixe e significado dos nomes das súas parroquias e lugares máis salientables, unha sección que conta coa colaboración do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Entre os moitos topónimos que se comentarán, falarase da similitude semántica do nome do concello, Chantada –talvez procedente do latín (PETRA) PLANTANTA ‘pedra chantada’)–, co dunha das súas parroquias, Pedrafita (vén do latín PETRA FICTA 'pedra fixada, cravada, chantada na terra de forma vertical’). Na súa orixe, é moi probable que os dous topónimos designasen un marco de pedra que servía de límite entre demarcacións ou xurisdicións.

Melón, seguinte parada da campaña
A campaña Toponimízate volve cambiar de provincia a vindeira semana: tras pasar por Laxe e agora por Chantada, o concello ourensán de Melón será a seguinte parada nesta ruta polo país. A cita é o venres 26 de setembro a partir das 20:00 horas na Casa do Concello de Melón.