O filólogo, profesor do IES Fontexería, presentou o pasado venres na antiga fábrica de Sel Toponimia de Muros, libro editado pola Real Academia Galega coa colaboración da Asociación Galega de Onomástica e o apoio económico da Deputación da Coruña. Foi nun encontro aberto á veciñanza no que estivo acompañado por Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, Antón Santamarina; a presidenta da Asociación Galega de Onomástica e académica correspondente Luz Méndez; o vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo; e a alcaldesa de Muros, María Lago Lestón.
O Ingüeiro é un nome único na onomástica galega e sinala o lugar en que, en nomentos puntuais do ano, a lagoa de Louro reborda por riba da barra de area que a separa do mar, formando un río de augas bastante rápidas nos primeiros día do fenómeno. “A corrente comeza o seu camiño nun punto estreito, o máis doado de superar polo fluxo, e é esa angostura á que temos que mirar para atopar a orixe da palabra”, explica o autor no volume, dispoñible en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal. Canto á orixe etimolóxica, Alfonso Blanco Quintela propón que O Ingüeiro sería unha variante de angüeiro, substantivo recollido en varios dicionarios co significado de ‘pequena canle, polo común estreita e profunda, que polo medios dos xuncais leva augas correntes ao mar’. “Á súa vez, angüeiro parece ser unha alteración de augüeiro, derivado de augua, unha das formas que tomou en galego latín ĂQUA”, detalla.
A obra detense tamén noutros topónimos únicos en Galicia ou no seu Nomenclátor (a relación de topónimos de entidades de poboación) como Bornalle, As Cambadas, Cruz de Pelos, Serres, Sistamares ou O Ancoradoiro, nome este último da parroquia de Louro doado de comprender, xa que coincide coa palabra común que se refire ao lugar, xeralmente resgardado, para ancorar as embarcacións. “Este lugar loureán cumpre esa condición. De feito, sábese que foi coñecido en tempos máis antigos como O Porto”, sinala o filólogo, que apunta tamén a variente Ancoradouro rexistrada na toponimia menor do concello de Bueu.
Da Alivía a Bornalle
Máis complicado é trazar a orixe do nome A Alivía, único en Galicia e situado na parroquia de Muros. O autor recolle a proposta de Bascuas dunha raíz relacionada tamén coa auga. “Se miramos a parte inicial de Alivía, vemos a secuencia al-, posible concreción da raíz indoeuropea prerromana *el- / *ol-, que significa ‘fluír’, moi rendible en nomes de ríos, fontes e mananciais, con vocalización /a/: Aller (Asturias), Alón (Santa Comba), Alagón (afluente do Texo) etc. Partindo desta base, para A Alivía o propio Bascuas reconstrúe un étimo *Allivia ou *Allevia. En todo caso, cómpre indicar que o artigo feminino que hoxe leva debeu ser unha creación posterior dos falantes, ao percibir Alivía como un substantivo dese xénero”, debulla.
Tamén tería relación cun lexema indoeuropeo prerromano *bher- / *bhor- co significado de ‘fluír’ o nome de Bornalle, unha das parroquias de Abelleira e un exemplo máis de topónimo único no Nomenclátor galego rexistrado en Muros. En calquera caso, garda semellanza na raíz con formas como bornal, en galego un sinónimo de uz ou breixo, indica o filólogo. Bornalle parece en calquera caso relacionable co Borneiro de Cabana de Bergantiños e coa rocha coñecida como Borneirón, fronte á costa de Cangas. E sen saír do concello de Muros, na parroquia de Esteiro atópase unha Punta Borneira, que ten fronte a ela os penedos mariños Borneira de Dentro e Borneira de Fóra, debulla.
Canto ao nome do propio concello, Muros, a etimoloxía deste topónimo, que na súa forma orixinaria era Muro, é a mesma que a do substantivo común: o latín MŪRU, de igual significado. “Máis difícil é saber a que parede se refire”, recoñece Alfonso Blanco Quintela: “Talvez houbo un primeiro recinto pechado por un muro perimetral, que logo foi ampliado ou refeito”. Canto ao paso ao plural, podería deberse aos diferentes lenzos dos que constaría a muralla inicial ao longo do seu trazado, ou pola idea de colectivo que dá o plural sobre o singular, como pasou con outros nomes de lugar como Burgos, Alpes ou Atenas. “Outra posibilidade é que o nome se refira ás formacións montañosas que se erguen moi preto da beiramar, e que dominan a abra, e que desen pé a un sentido figurado”, suxire o autor.
Muros ten abondosas atestacións antigas. A primeira delas, do ano 1158, pertence ao testamento dun home chamado Petrus Siccus rexistrado no Tombo de Toxos Outos, unha fonte documental fundamental para esta Toponimia de Muros. O Libro de Feudos do Arquivo da Catedral de Santiago, o Libro do Concello de Santiago, o Minutario notarial de Pontevedra e o Libro do Subsidio da Igrexa de Santiago foron outras fontes históricas consultadas para facer realidade este traballo, xunto ao CODOLGA, o TMILG e o GMH. Pero Alfonso Blanco Quintela contou tamén con outra axuda fundamental para facer realidade esta obra, a de veciños e veciñas que lle facilitaron información moi pertinente, conclúe nos agradecementos.