A Academia coordina Toponimízate co apoio económico da Xunta de Galicia. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, presentou este venres a súa oitava edición en rolda de prensa xunto ao secretario xeral da Lingua, Valentín García; a subdirectora de Planificación e Dinamización Lingüística, María Coutinho; e o coordinador técnico de Galicia Nomeada e encargado de impartir as charlas, o filólogo da Unidade Técnica de Toponimia da Academia, Vicente Feijoo.
Monteagudo agradeceu a boa resposta cidadá, entre todo tipo de públicos, que está facilitando a compilación de milleiros de topónimos, e confiou en que Toponimízate siga a mobilizar máis colaboradores para levar a cabo unha tarefa que –recordou – depende en boa medida da cooperación interxeracional entre as persoas de máis idade, coñecedoras dos nomes que ata non hai moito adoitaban empregarse para designar o territorio case palmo a palmo, e as novas, familiarizadas en maior medida co uso de aplicacións como Galicia Nomeada. “Temos a intelixencia colectiva e mais a vontade colectiva para contribuírmos entre todos a un proxecto de interese tanto científico como cultural e identitario. Os nomes son parte da relación, mesmo emocional, que temos como país coa terra, expresión desa intelixencia colectiva e depósito extraordinario de testemuños de séculos. A través deles, podemos reconstruír a historia ecolóxica ou de relación co territorio”, engadiu Henrique Monteagudo, quen salientou tamén a importancia de prestarlle igualmente atención á talasonimia, os nomes do mar.
O secretario xeral da Lingua lembrou ademais a “utilidade” dos topónimos e talasónimos. “A cada con se lle puña un nome para que os mariñeiros se orientasen. Hoxe, coa tecnoloxía non se fai tan necesario ese coñecemento polo miúdo do mar, pero ese conxunto de nomes ten un enorme valor cultural que cómpre conservar”, expresou. Valentín García referiuse así mesmo ao carácter pioneiro de Galicia Nomeada, unha iniciativa que –asegurou– chamou a atención doutras comunidades autónomas interesadas en replicalas.
A subdirectora de Planificación e Dinamización Lingüística, María Coutinho, apuntou pola súa banda a importancia que se lle outorga dende o seu departamento a todos os proxectos relacionados coa toponimia, especialmente a unha campaña que percorre o país dándolle visibilidade a un patrimonio cultural que contribúe tamén á promoción da lingua.
Relatorios, concellos e calendario
Nas sete edicións anteriores, Toponimízate chegou xa a 94 concellos galegos e máis de 6.000 persoas. Vicente Feijoo, encargado de impartir todas as charlas, salientou tamén a importante compoñente “emotiva e identitaria” que ten a iniciativa, “sobre todo para a xente maior, que ve que os seus coñecementos sobre o territorio e a súa sabedoría popular son o piar fundamental dun proxecto cultural destas características”.
Os relatorios constan de tres partes. A primeira é unha introdución xeral sobre a riqueza toponímica do país. Na segunda o público aprende como empregar a aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que se pode xeolocalizar calquera microtopónimo dende o teléfono móbil e engadirlle información relacionada como audios coa súa pronuncia ou lendas asociadas ao lugar. As charlas tamén inciden nas utilidades prácticas desta información para as administracións, o mundo da investigación e o conxunto da sociedade en xeral unha vez fica xeorreferenciada e normativizada. Por último, cada obradoiro remata cunha parte en que se trata de deitar luz sobre a orixe e o significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello. Neste último apartado, o equipo técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega leva elaboradas máis de 12.000 etimoloxías contando coa axuda do académico numerario e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.
Para a elección dos concellos que participan na oitava edición de Toponimízate tivéronse en conta varios criterios, desde o interese por acoller unha das charlas manifestado por varios municipios ata a especial urxencia en promover a recolla de microtopónimos naqueles nos que este labor está menos desenvolto e o forte despoboamento incrementa o risco de que estes nomes se perdan. É o caso dos concellos de Cervantes, Baralla, Melón, Baños de Molgas ou Dozón, territorios que quedaron no seu día fóra do Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011) e que contan con moi poucos colaboradores de Galicia Nomeada. Outros como Val do Dubra, Chantada ou Mondariz, nos que parte do seu territorio xa foi traballado no devandito proxecto, entran na nova xeira de charlas para facilitar que se complete a recolleita.
Canto ao calendario de sesións, as dúas primeiras citas terán lugar na provincia de Ourense: Toponimízate visitará Sandiás o venres 20 de xuño (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, 20:00 h) e Baños de Molgas o venres seguinte, 27 de xuño (Centro de Saúde, 19:30 h); e Frades acollerá a última cita antes do descanso estival o luns 28 de xullo no Centro Sociocomunitario de Ponte Carreira (20:00 horas).
O groso da campaña desenvolverase de setembro a novembro con outros dez concellos implicados: Laxe, venres 12 de setembro, ás 19:00 h no Museo do Mar; Chantada, venres 19 de setembro, ás 20:00 h no Auditorio Municipal; Melón, venres 26 de setembro, ás 20:00 h na Casa do Concello; A Estrada, xoves 2 de outubro, ás 19:00 h na Casa das Letras - Biblioteca Municipal; Cervantes, luns 6 de outubro, ás 12:00 h no CPI de Cervantes; Mondariz e Mondariz Balneario, venres 17 de outubro, ás 19:30 h na Sala de Cultura da Casa do Concello de Mondariz Balneario; Dozón, venres 24 de outubro, ás 17:00 h no Centro Sociocultural do Castro; Val do Dubra, xoves 6 de novembro, ás 20:30 h no Auditorio Municipal; e Baralla, venres 14 de novembro, ás 19:00 h no Centro Sociocultural de Baralla.
Tras o remate da campaña, Toponimízate terá xa visitados 108 concellos, todos eles integrados na Rede de Dinamización Lingüística. En edicións anteriores, ademais dos concellos que pertence á RDL, tamén se impartiron charlas na Fundación Eduardo Pondal (Ponteceso); na Escola Oficial de Idiomas Jesús Maestro de Madrid; no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude; no Instituto de Estudos Ulloáns (Monterroso); e no Bierzo da man do Grupo As Médulas. Celebráronse ademais sesións en tres centros de maiores da rede da Xunta de Galicia (As Neves, Mondego-Sada e Ortigueira).