'Toponimízate' fai un chamamento para a recuperación da microtoponimia de Laza

A campaña Toponomízate. Falámosche dos nomes da túa terra, coordinada pola Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, chegará o venres 8 de xullo a un dos municipios ourensáns que exemplifica coma poucos a necesidade e urxencia de completar a recolla da toponimia tradicional. A Casa do Concello de Laza acollerá a charla que impartirá o coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, na que divulgará a orixe e o significado de parroquias e lugares de Laza e explicará o funcionamento de Galicia Nomeada. Esta aplicación colaborativa permite á cidadanía participar na recolla de microtopónimos, nomes de montes, leiras, fontes, camiños ou devesas que corren o risco de se perder. A sesión empezará ás 20:00 horas e será presentada polo alcalde de Laza, José Ramón Barreal Novo.
 

Con case 216 quilómetros cadrados, Laza figura no posto 16 na relación de municipios con maior extensión de Galicia. Porén, na aplicación Galicia Nomeada só hai compilados 74 topónimos, 22 deles correspondentes ás denominacións das súas entidades de poboación. Ao se tratar dun territorio de montaña, onde moitos destes nomes identifican zonas extensas de terreo, estímase que pode haber unha media duns 30 microtopónimos por quilómetro cadrado, o que significaría que aínda quedan uns 6500 nomes por recoller neste concello ourensán. 

Nunha situación semellante en canto á recollida da microtoponimia están algúns dos municipios da contorna como Cualedro, Monterrei, Trasmiras ou Verín, onde non se levaron a cabo os labores do Proxecto de Toponimia de Galicia cando estivo vixente a comezos deste século.

O despoboamento que sofre o interior da provincia de Ourense –que neste municipio provocou a perda dun terzo dos habitantes en só catro décadas- é un factor que engade urxencia á recolla destes nomes, conservados sobre todo na memoria dos veciños e veciñas de máis idade. A campaña Toponimízate pretende contribuír á súa preservación promovendo a concienciación social sobre o valor da toponimia tradicional e á colaboración interxeracional para a súa documentación a través da aplicación Galicia Nomeada.

Desde que Galicia Nomeada botou a andar a finais de 2019, na comarca de Verín recuperáronse arredor de 400 microtopónimos, grazas a diferentes persoas colaboradoras que de forma altruísta compartiron o seu coñecemento. Pero o número de participantes aínda é moi escaso  tendo en conta a extensión total do territorio, advirte o Seminario de Onomástica da RAG, que fai unha chamada para que a veciñanza acuda á charla deste venres, na que se explicará como empregar a aplicación, dispoñible en versión para dispositivos móbiles e de escritorio.

Ademais deste aspecto máis técnico, haberá un espazo dedicado a falar da orixe dos nomes de lugar de Laza, un concello composto por 10 parroquias e 22 lugares. Esta sección conta co apoio do académico electo e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.