‘Toponimízate’ explicaralle á veciñanza de Laxe como participar na recolla dos nomes propios da terra

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra continúa a partir de setembro a percorrer o país na procura de veciñanza que colabore na recolla dos nomes propios que designan cada monte, leira ou camiño, e tamén microtopónimos da costa e do mar que distinguen cons, petóns, limpos ou cantís. O vindeiro venres 12 de setembro a campaña chegará ao concello coruñés de Laxe cunha das nove charlas programadas ata finais deste ano. A cita convoca no Museo do Mar a partir das 19:00 horas todas as persoas interesadas na toponimia local e que queiran sumarse, a través da aplicación Galicia Nomeada, ao proxecto colaborativo de recollida e xeolocalización destes nomes tradicionais que corren o risco de se perder.

A sesión en Laxe da iniciativa que coordina a Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua será presentada polo alcalde, Francisco Charlín, e a concelleira de Cultura, Raquel Lema Allo. Deseguido o coordinador de Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG, o filólogo Vicente Feijoo Ares, impartirá unha charla na que o público, ademais de aprender a empregar Galicia Nomeada desde o teléfono móbil ou un ordenador, coñecerá a orixe e o significado de nomes como Soesto, Agravil, Conlle ou Aprazaduiro, únicos en toda Galicia, unha información elaborada coa colaboración do académico de número e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.

A RAG e a Secretaría Xeral da Lingua agardan que a charla anime a participación cidadá deste municipio no proxecto Galicia Nomeada, que ata o momento só achegou 119 microtopónimos, e tamén nos demais concellos da Costa da Morte, que no seu día non foi obxecto da recolla toponímica exhaustiva que se realizou a través do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), activo entre 2000 e 2011. 

Oito citas máis ata final de ano 
Toponimízate fará parada tamén ata finais de ano en Chantada, o venres 19 de setembro (20 h) no Auditorio Municipal; Melón, o venres 26 de setembro (20 h) na Casa do Concello; A Estrada, o xoves, 2 de outubro (19 h) na Casa das Letras - Biblioteca Municipal; Cervantes, o luns 6 de outubro (12 h) no CPI de Cervantes; Baralla, tamén o luns 6 de outubro (19 h) no Centro Sociocultural de Baralla; Mondariz Balneario, o venres 17 de outubro (19:30 h) na Sala de Cultura da Casa do Concello; Dozón, o venres 24 de outubro, (17 h) no Centro Sociocultural do Castro; e Val do Dubra, o xoves 6 de novembro (20:30 h) no Auditorio Municipal.