'Toponimízate' anima a veciñanza do Incio a participar na recolla de nomes de montes, leiras e outros microtopónimos

A campaña Toponimízate, Falámosche dos nomes da túa terra chega o venres 25 de novembro de 2022 ao concello lugués do Incio. O coordinador da unidade técnica do Seminario de Onomástica, Vicente Feijoo, impartirá unha charla na Casa do Concello (19:00 horas) na que o público aprenderá como colaborar na recolla de nomes de montes, leiras, fontes e outros microtopónimos facendo uso da aplicación colaborativa Galicia Nomeada. O filólogo explicará tamén a orixe e o significado dos nomes das parroquias do Incio e do propio municipio.

A sesión forma parte do calendario deste ano da campaña Toponimízate, unha iniciativa coordinada pola Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia, concibida para que a cidadanía coñeza a gran riqueza que constitúe a toponimia tradicional e se implique na súa preservación. Todos os nomes das entidades de poboación (concellos, parroquias, lugares) figuran no Nomenclátor de Galicia, pero quedan aínda moitos microtopónimos, nomes de leiras, devesas, camiños ou penedos, sen rexistrar. O proxecto Galicia Nomeada, compartido tamén pola RAG e a Xunta, facilita que as persoas que preservan na súa memoria este patrimonio inmaterial que fan de Galicia un lugar único no mundo impidan a súa perda a través dunha sinxela aplicación que se instala nos dispositivos móbiles. 

Esta ferramenta, que promove tamén a participación interxeracional, permite xeorreferenciar cada espazo e enriquecer cada entrada con fotografías e lendas ou contos asociados a el, entre outra información.