“Pondal dedicoulle toda a súa vida á construción dunha obra ao servizo de Galiza”

"Eduardo Pondal foi o poeta nacional desde a morte de Rosalía ata o seu pasamento". Manuel Ferreiro, experto na que foi unha das tres figuras esenciais do Rexurdimento, recorda como milleiros de persoas participaron no seu cortexo fúnebre, toda unha expresión do aprecio popular que coñeceu en vida. Hoxe segue a ser un autor recoñecido, pero a súa obra non tanto. Un bo xeito de descubrir o seu legado literario, ou de volver a el, é a antoloxía que publica RAG co gallo do centenario da súa morte, Eduardo Pondal. Os cantos eran da Patria (120 poemas), ao coidado do profesor da UDC. O investigador impartiu onte unha conferencia sobre a etapa coruñesa de Pondal nun encontro organizado polo Instituto José Cornide e a Academia. Ambas as institucións colaborarán de novo o 20 de decembro nun acto literario e musical de celebración dos 110 anos da estrea do Himno na Habana.
Manuel Ferreiro

Eduardo Pondal é ben coñecido hoxe como autor chave do Rexurdimento e, sobre todo, do Himno galego, pero non é só autor do Himno. É recoñecido como merece polo conxunto da súa obra?
Rosalía é unha árbore inmensa que en ocasións tapa a visión doutras árbores tamén vizosas do noso parnaso literario, por dicilo dunha maneira clásica. Como nai fundadora da Galiza renancente, é verdade que pode opacar ou escurecer outras grandes figuras que houbo no Rexurdimento. Por outro lado, hoxe a literatura non cotiza, na miña opinión, no mercado tal alto como debera, a sociedade móvese por criterios moi economicistas. En terceiro lugar, hai que recoñecer que, alén de que fose o autor do Himno e moi coñecido, Pondal é un autor difícil, o lector precisa ás veces algo de axuda para se enfrontar aos seus textos debido á carga cultural e de traballo literario que teñen os seus versos. E se a iso lle engadimos que funciona unha certa satanización de Pondal por mor dunha ducia de poemas...

Os misóxinos.
Si, son esa ducia de poemas que desde hoxe deben ser lidos como mostra de misoxinia, mesmo agresiva. Pero hai que pensar que reflicten a visión patriarcal do século XIX, o que era habitual na época, porque Rosalía xa sabemos que era unha excepción. O que non se lles esixe aos demais autores tampouco llo podemos esixir a Eduardo Pondal, porque naceu en 1835. E hai que considerar tamén que non todos os versos dun poeta pasan ao canon, nin sequera todos os de Rosalía, nin os de Curros, Cabanillas ou Cunqueiro, por só falar de poetas do noso pasado.

Que vai descubrir na obra de Pondal un lector que nunca se enfrontase á súa literatura? Que alicerces a sustentan?
Vai encontrar un universo complexo, poliédrico, tamén con arestas e contradicións, e un múltiplo panorama de liñas poéticas. Con todo, o que latexa no fondo, o que está sempre por detrás da obra de Pondal, é o feito de que lle dedicou toda a súa vida á construción dunha obra ao servir da súa nación, da súa patria, de Galiza. Ese era o seu obxectivo desde moi cedo, desde que participou no Banquete de Conxo (1856) ata que en 1917 morreu na pensión Luguesa da rúa Juana de Vega da Coruña. Hai que dicir tamén que foi unha especie de escritor profesional, gozaba dunha posición económica que lle permitía dedicar os seus esforzos exclusivamente á literatura en vez de dedicarse á súa profesión de médico, que practicamente non exerceu. A súa vida era a poesía, a literatura, a redención da patria. E todo canto poema escribiu vai orientado nesa dirección.


Un momento da conferencia de Manuel Ferreiro sobre Pondal celebrada este xoves na Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña. O profesor, á dereita, acompañado na mesa polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o director do Instituto José Cornide, Xosé Fraga, e o concelleiro de Culturas, Xosé Manuel Sande. Fonte: Instituto José Cornide


Unha dirección que tamén se aprecia en 'Os Eoas'. Malia esa dedicación plena á literatura, non chegou a publicar este poema épico que tanto o obsesionou e no que traballou toda a vida.
Os Eoas, como moita da obra de Pondal, é unha obra contraditoria porque o seu tema é a conquista de América polos españois. Mais el escríbea, e declárao expresamente, para demostrar que o galego é unha lingua absolutamente hábil para todas as funcións literarias, e moi especialmente para a creación dun poema épico. Ten no seu horizonte Os Lusíadas de Camões, os épicos italianos Ariosto e Taso, Milton etc. Nunca chegou a publicalo a pesar de que deixou a edición practicamente preparada. Concibíao como a gran pedra angular sobre a que se basearía a literatura renacente galega que estaba xurdindo, e así o vían tamén os seus contemporáneos, por moito que teña tamén un aquel de poema fracasado.

Esta obra é tamén unha proba máis da gran cultura de Eduardo Pondal, coñecedor dos clásicos e en contacto coa Europa do momento.
Efectivamente. Iso xa o dixera no seu momento Emilia Pardo Bazán, amiga del por cuestión de clase. Pondal sabía latín e grego, portugués, francés, inglés, problemente algo de árabe, desde logo italiano, coñecía as literaturas respectivas. E seguía as novidades, non hai máis que coñecer os títulos da súa biblioteca, as facturas dos libros que encargaba, igual que estaba ao tanto de todos os movementos nacionalistas que estaban fervendo naquel momento por toda Europa e que construíron, por certo, os poemas respectivos.

Na historia da nosa literatura, Pondal comparte protagonismo con Rosalía e Curros.
Si, no século XIX hai tres figuras indiscutibles: Rosalía, Pondal e Curros, na orde que eu considero. Cada un ten unha liña diferente, desde a identificación co pobo e a profundidade filosófica de Rosalía á épica pondaliana e á poesía civil de Curros. Cada un segue unha liña diferente aínda que entre eles haxa interferencias, no mellor sentido, e inclusive influencias mutuas. A auctoritas rosaliana dalgunha maneira marcou tamén a Pondal.

"Estou convencido de que foi Rosalía a motivou que Pondal acabase sendo o primeiro autor unilingüe en galego no s. XIX"Incluso no feito de escribir en galego.
Non tanto no feito de escribir en galego como no de converter o galego primeiro en lingua dominante e despois en lingua única. Estou absolutamente convencido de que foi Rosalía a que conseguiu, provocou ou motivou que Pondal acabase sendo o primeiro autor unilingüe en galego no século XIX. Desde 1885, ano que morre Rosalía, non volveu publicar en español, só publicou única e exclusivamente en galego, cuestión que non é nada menor.

E que pegada deixou na literatura posterior?
Obviamente creou escola. Pondal funcionou como poeta nacional en Galicia desde a morte de Rosalía (Curros estaba na Habana), polo menos esa é a miña opinión. Por iso lle foi encargado o Himno. O seguinte poeta nacional foi Cabanillas, e as influencias de Pondal nel son obvias, alén dunha serie de autores da que se chamou escola pondaliana, onde os trazos estilísticos e a épica de Pondal se perciben perfectamente. A influencia pondaliana chega ata hoxe, non hai máis que ler a poesía de Xosé Luís Méndez Ferrín, un dos grandes poetas do século XX e do XXI, recoñecido pondalianista e admirador de Pondal. Penso que toda persoa que se dedique ao cultivo da literatura en xeral e da galega en particular debe ler todo Pondal pola calidade lingüístico-estilística da súa obra, probablemente tería unha benéfica influencia na escrita de hoxe.

Que achegas destacaría do galego pondaliano?
Incorporaba con normalidade préstamos directos do latín, grego, francés, italiano ou da lingua que fose, rompendo ese teito que se di que ten a lingua galega, que os préstamos nos chegan mediatizados polo español. Sublimou a lingua bergantiñá de orixe e nobilitouna con influencias do latín e do grego, e da literatura portuguesa e outras europeas. O seu rigor lingüístico tería benéficos efectos en moitos poetas de hoxe, homes e mullleres que publican con grande altura literaria, mais todo é mellorable.

Como foi o proceso de escolma da antoloxía que ‘Eduardo Pondal. Os cantos eran da Patria (120) poemas)'?
Había moitos anos que desexaba facer esta antoloxía, acollina con moita vontade, mesmo moito amor, moito afán. Organiceina sobre toda a obra de Pondal con criterios chamémoslle temático-semánticos. Imitando a estrutura de Queixumes dos Pinos, abrina "Esta antoloxía non é un produto erudito, está pensada para calquera persoa non especializada que estea interesada en achegarse a Pondal"e pecheina con "Polo baixo cantando" e "Polo alto cantando", para que fose circular. A partir de aí, a escolma foi construída, poñéndolle a cada capítulo un verso do autor, xuntando composicións arredor de distintos temas: están os poemas autobiográficos, os dedicados á paisaxe pondaliana, a cuestión amorosa e da muller, o pensamento do poeta, as composicións de teor helenizante, os poemas máis ideolóxicos; os históricos, que van das escenas do pasado mítico aos versos dedicados aos Mártires de Carral (1846), e tamén os dedicados a Rosalía e Curros. Outro capítulo recolle os poemas anticasteláns, extremadamente duros, penso que máis aínda que "Castellanos de Castilla" de Rosalía; outro presenta cinco poemas dedicados á lingua galega e a última sección antes do peche recolle o canto XIII d'Os Eoas, precedido por tres textos líricos nos que se refire á elaboración deste poema épico.

Abrangue todo Pondal, todos os Pondais.
Exactamente, procurei que fose representativa de toda a súa obra, están os poemas de máis calidade e tamén os que a min persoalmente máis me moven e conmoven.

Dixo antes que Pondal é un autor difícil. Os textos van acompañados de anotacións que facilitan moito a lectura desde o século XXI.
Esta antoloxía non é un produto erudito, está pensada para que a poida ler calquera persoa non especializada que estea interesada en achegarse a Pondal. Esforceime por facer todo tipo de anotación non só literario-culturais senón tamén lingüísticas e léxicas. Nese sentido debo agradecer a maqueta, que se puxese á esquerda as notas e á dereita o texto, porque permite seguir a lectura dunha maneira áxil, cómoda e eficaz.

Na conferencia que impartiu onte no acto organizado polo Instituto José Cornide e a RAG centrouse en Pondal e A Coruña. Que significou esta cidade na súa vida?
O núcleo vital, biográfico e afectivo de Pondal estaba en Ponteceso, mais cando dicía "bo bergantiñán" pódese considerae que se refería a bo galego, porque Bergantiños é a unha metonimia de Galiza enteira. Pero alén da terra onde naceu, hai que ter en conta o eixo Santiago – A Coruña. Santiago ocupa a primeira parte da súa vida, os primeiros 50 anos da súa vida, desde que chegou á cidade como estudante, a participación no Banquete de Conxo etc.; e, fóra das estadías en Ponteceso, que ían por anos, meses, tempadas, A Coruña foi o eixo da segunda parte da súa vida e obra. Esta foi a cidade que aglutinou historicamente a canta persoa se preocupaba polo país, chamárase provincialista, rexionalista ou nacionalista, e que desembocou máis adiante na Cova Céltica, a fundación da Real Academia Galega e a creación das Irmandades da Fala.

Na Coruña tamén foi despedido como a gran figura popular que foi en vida.
Si, o seu enterro, igual que o de Curros, foi unha verdadeira manifestación popular e institucional, foi un acto multitudinario impresionante. Os establecementos ían pechando ao paso do cadaleito, ata chegar ao cemiterio de Santo Amaro, onde se enterrou e lle foi cantado o Himno galego por parte das Irmandades que o acompañaron.