O académico Andrés Torres Queiruga
Torres Queiruga afondará na figura de Piñeiro xunto ao tamén académico Henrique Monteagudo e Xosé Manuel Dasilva nunha mesa redonda moderada polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, que se celebrará no salón de plenos do Concello de Lugo a partir das 19.30 horas. Nesta entrevista, lembra a importancia "dunha figura con auténtico relevo histórico" que soubo sementar futuro para Galicia entre a mocidade arredor da súa famosa mesa de braseiro.
Escolleu ‘Ramón Piñeiro: compromiso integral e integrador' como título da súa intervención. Por que?
Non por estar cerca de nós Piñeiro deixa de ser unha figura con auténtico relevo histórico, sobre todo polo seu carácter exemplar, pola dedicación plena coa que traballou para Galicia tanto desde o punto de vista teórico como na articulación práctica para unha realización sociopolítica. E a grandeza de Piñeiro está en que consagrou a súa vida enteiramente a iso, cunha exemplaridade da que creo que hai moi poucos exemplos. Fíxoo con constancia desde moi novo e ata que morre, sempre con ese espírito integrador, de non excluír nin caer nunha concepción estreita de Galicia.
Unha estratexia totalmente reivindicable tamén hoxe en día, non?
Exactamente. Iso segue presente como necesidade. Non é toda a tarefa de Galicia, pero continúa a ser unha tarefa indispensable, crear a unidade que tanto necesitamos.
Vostede pasou pola mesa de braseiro da súa casa, na rúa Xelmírez, 15 de Santiago, como tantos mozos con inquedanzas culturais e políticas.
Moitas veces.
E como recorda a ese Piñeiro capaz de atraer tanto a xente nova?
Recordo sobre todo o seu humanismo, a súa curiosidade intelectual. Todo lle interesaba, de todo lle gustaba falar, preguntar, e lembro tamén o respecto polo que falaba con el. Non era un home impositivo, senón que trataba de sacar o que as persoas levan dentro. Era un gran conversador e o seu poder, a palabra e a convicción.
Como director literario de Galaxia, foi un dos grandes artífices da reconstrución cultural galega da posguerra, e apostou por levar o galego a todo tipo de xéneros. El mesmo demostrou, en 1951, que a nosa lingua era válida para o ensaio filosófico ao publicar, na Colección Grial, ‘Significado metafísico da saudade'.
Exacto, interesáballe que todo se galeguizara, na cultura, na política… E como ensaísta soubo explotar un tema tan difícil como o da saudade. Os portugueses recoñeceron que foi quen de verdade a elevou a rango metafísico, o primeiro en abordar a saudade na súa dimensión máis profunda.
No seu discurso de ingreso na RAG, no ano 1980, ao que respondeu o propio Piñeiro, vostede continuou con este tema.
Si, intentei prolongar un pouco o seu pensamento. Viña con outros instrumentos culturais e aproveitando o de Ramón Piñeiro intentei actualizalo e prolongalo en distintos aspectos. E el recoñeceuno na resposta que me fixo na entrada na Academia esa sintonía.