‘Os soños na gaiola’ ou a volta á infancia

Os soños na gaiola publicouse por primeira vez en 1968, cando a produción literaria en galego para o público máis novo apenas sumaba uns poucos títulos e unha década antes da introdución oficial da lingua galega no ensino. O primeiro libro infantil de Manuel María xuntou versos que o propio poeta botou de menos cando era neno. Versos que, engadía na "Carta aos nenos" de presentación da obra, "non había na literatura galega e que tan precisos son". "Eu quixera encher, en parte, ese oco", engadía.
Cuberta da 13ª edición d'Os soños na gaiola,
publicada pola Fundación Manuel María.

Manuel María escribiu Os soños na gaiola consciente da necesidade que había naqueles anos dunha poesía infantil en galego. Unha edición non venal de Cartonaxes Anmi, que o distribuíu como agasallo da empresa, foi a primeira que coñeceu a obra. Coa reedición en 1972 da man da Editorial Celta, o poemario axiña gañou sona, pero sen dúbida na súa popularidade xogou un papel moi importante o feito de seren musicados os seus versos nun disco de Suso Vaamonde, publicado en 1978 co mesmo título. Fuxan os Ventos ou O Carro tamén musicaron composicións deste libro.

Case cinco décadas despois, Os soños na gaiola é un clásico que segue a ter atractivo para o público infantil. "Escolleu Manuel María un camiño acertado, sen servidumes temporais, que está na base da permanente actualidade desta obra. Escolleu falar dun abano de temas decote presentes na vida dos nenos e nenas, temas que espontaneamente lle interesan porque son aqueles cos que se atopan ó se iren abrindo ó coñecemento do mundo", salienta Agustín Fernández Paz na súa achega a Manuel María, volume dedicado ao autor que editou a Asociación Cultural Xermolos en 2001.

Os eixos temáticos elixidos polo poeta quedan reflectidos nos nomes de cada unha das seis partes nas que se divide o poemario: Galicia, á que se lle dedica explicitamente a primeira poesía; O mundo, As cousas, Homes, nenos e nenas, Animais e Paxaros. Un universo en forma de versos cheos de ritmo e sonoridade que se nutriu das lembranzas da súa propia infancia campesiña. "O ourizo", un dos 49 poemas que contén o libro, é boa mostra del.

O OURIZO

Co seu ouro vello, mol,
o ourizo ouriceiro
toma o sol
no pico dun castiñeiro.

Tal un señor moi mandón,
o ourizón,
no pico dun castiñeiro
tomando o sol moi riseiro.

O ourizo está moi ledo
coa súa casa ben pechada
-ouh, que medo!-
de espiñas toda cercada.

Quer botar unha risada
e os seus dentes arregaña
case un nada,
e xa fuxiu a castaña…!