Os do Allo e a veciña A Cebola son dous dos topónimos curiosos rexistrados no Nomenclátor de Galicia. No vídeo dedicado á do Allo, o escritor e historiador Xosé María Lema lembra que as Torres do Allo, consideradas o primeiro pazo da historia de Galicia, se comezaron a construír entre finais do século XV e comezos do XVI. Esta alfaia da arquitectura civil galega serviu posteriormente como modelo das casas señoriais en toda a xeografía do país e arredor dela medrou a parroquia e os diferentes lugares habitados que a compoñen. Porén, o nome da freguesía está documentado con anterioridade e nada ten que ver con elas, apunta Xosé María Lema.
O académico correspondente destaca a teoría que sostén que o nome do Allo procede do latín angulum, que significa ángulo ou meandro dun río. “No paso do latín ao galego, deu lugar primeiro a anllo e despois, neste caso, a Allo”, detalla.
Canto á veciña A Cebola, ao contrario do que tamén puidera parecer, o seu nome tampouco é un fitotopónimo, un nome de lugar con orixe na denominación dunha planta. “É unha creación festiva replicante dos propios veciños con referencia ao Allo. Seguramente dixeron: Se ti es do Allo, eu son da Cebola”, apunta.
Á procura de colaboradores para preservar un patrimonio singular
Xosé María Lema participará o luns en Zas na derradeira sesión deste ano da campaña Toponimízate, unha iniciativa coordinada pola Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia, concibida para que a cidadanía coñeza a gran riqueza que constitúe a toponimia tradicional e se implique na súa preservación. O académico asistirá á charla que impartirá o coordinador técnico do Seminario de Onomástica e de Galicia Nomeada, o filólogo Vicente Feijoo, que compartirá tamén a orixe e o significado doutros nomes de parroquias e aldeas de Zas.
Pero a sesión busca especialmente animar a veciñanza a compartir a través de Galicia Nomeada os nomes de leiras, regos, camiños ou fontes que corren o risco de se perder. Todos os nomes das entidades de poboación (concellos, parroquias, lugares) figuran no Nomenclátor de Galicia, pero quedan aínda moitos microtopónimos sen rexistrar. O público de Toponimízate aprenderá como pode evitar que se perdan os que coñece empregando a aplicación Galicia Nomeada, que permite subir á Rede e xeolocalizar todo este patrimonio e mesmo acompañalo de gravacións da súa pronuncia, fotografías ou lendas.
Galicia Nomeada promove así, ao mesmo tempo, a valoración social de toponimia tradicional e mais a comunicación interxeracional a través da conexión entre un patrimonio inmaterial que fai de Galicia un lugar único no mundo e a tecnoloxía.